Concello de Sanxenxo - O PRAZO PARA PRESENTAR OFERTAS PARA EXECUTAR O MERCADO DE ABASTOS DE SANXENXO PECHA O 29 DE XUÑO
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas

O prazo de execución da obra é dun ano e catro meses

Sanxenxo, 3 de xuño de 2026.- O Concello licitou esta semana a segunda e última fase do Mercado de Abastos de Sanxenxo por un importe de 5,4 millóns de euros, financiados con fondos propios e da Xunta de Galicia. O prazo para a presentación de ofertas remata o vindeiro 29 de xuño. A execución da obra estímase en 16 meses e inclúe a construción do novo edificio e a humanización da súa contorna.

O goberno local busca con esta nova infraestrutura dinamizar a actividade comercial e social, así como ampliar o núcleo comercial cara a este tramo da Rúa Madrid. Unha gran praza na fronte do edificio será a clave para a pacificación e rexeneración do espazo urbano da Rúa Madrid, desde a Rúa Panadeira ata a súa conexión coa Rúa Progreso.

Tras unha primeira fase na que se soterrou o tráfico mediante un paso inferior, no que xa se reservou espazo para un futuro estacionamento público con 32 prazas, así como os accesos ao mercado e ás plantas superiores, o Concello acaba de sacar a contratación o novo edificio de cinco plantas que albergará o mercado de abastos, dependencias municipais, unha biblioteca, unha aula de estudo e un espazo de restauración.

O edificio contará coas seguintes plantas:

• Un soto de 1.447 m², distribuídos en accesos rodados, aparcadoiro, almacéns e salas de máquinas.
• Unha planta baixa de 494 m² e un entreplanta de 324 m² destinados ao mercado de abastos.
• A primeira planta (541 m²) acollerá as dependencias municipais.
• A segunda e terceira plantas (1.082 m²) albergarán a biblioteca e a sala de estudo.
• Baixo cuberta, cun espazo de terraza (319 m²), habilitarase unha zona de restauración.

Un dos elementos máis característicos da proposta gañadora do concurso de ideas, “Los Lunes al Sol”, asinada polo arquitecto catalán Tony Bosch, son as súas tres fachadas acristaladas. Co obxectivo de que o edificio cumpra con todos os parámetros de eficiencia enerxética e climatización interior, instalaranse 116 paneis fotovoltaicos.

Así mesmo, dotarase ao inmoble dun sistema de ventilación e climatización mediante aerotermia, con bombas de calor independentes para cada planta.

0
0
0
s2sdefault