Ademais, Sanxenxo mantén 13 actuacións en marcha e outras 3 previstas para despois do verán repartidas polas distintas parroquias
Sanxenxo, 14 de xuño de 2026.- O Concello concluíu os asfaltados previstos nas rúas Vigo, Lugo, camiño de Baltar, un tramo do paseo de Silgar e Punta Vicaño, xunto coa rotonda de Baltar. Tamén está colocada a pedra de granito do chan do Miradoiro de Silgar e a súa conexión co novo paseo que transcorrerá polas rochas de Punta Vicaño, unha actuación prevista para despois do verán xunto coa substitución completa da pasarela de madeira da praia de Baltar.
A próxima semana, se a climatoloxía non o impide, rematará a mellora dos viarios co asfaltado e pintado da recta de Baltar, entre as rotondas de Portonovo e Baltar, así como dun tramo da circunvalación.
Ademais dos asfaltados, nestes momentos Sanxenxo está a executar ata 13 melloras e obras nas distintas parroquias. Na fase final atópanse a reforma da Telleira, o edificio As Lagoas (antigo colexio O Cruceiro) e a ampliación da rede de saneamento na Salgueira, na parroquia de Vilalonga. A mellora do núcleo de Arra, o pump track de Baltar, a urbanización da contorna do pavillón de Baltar e do centro de día tamén se achegan á súa finalización e, xunto coa reforma do edificio de usos múltiples de Portonovo, completan as actuacións da parroquia de Adina.
Tamén continúan a humanización da estrada de Noalla entre a Igrexa e o antigo cuartel da Garda Civil, a ampliación da tubaxe de auga entre Major e Portonovo e as melloras do campo de fútbol na parroquia de Noalla. Súmase a estas actuacións a humanización do Camiño do Castro, en Dorrón, que comezou esta semana. Así mesmo, están en marcha as melloras na rede de saneamento na contorna da praia de Nanín, en Bordóns, e actuacións similares na zona da praia da Carabuxeira e Lavapanos.
Ademais, proximamente adxudicaranse as obras de humanización dos núcleos de Aios e Padriñán, que, xunto coa substitución da pasarela de madeira da praia de Baltar, quedan previstas para despois do verán.