O alcalde, Telmo Martín, presidiu esta mañá a Xunta Local de Seguridade onde se fixo balance da seguridade do municipio
Sanxenxo, 11 de xuño de 2026.- Durante o primeiro cuadrimestre do ano, as infraccións penais en Sanxenxo diminuíron un 11,35% en comparación co mesmo período de 2025. Os delitos pasaron de 229 a 203, consolidando unha tendencia á baixa no municipio. Uns datos que, xunto co incremento do 8,1% no número de investigados e detidos, sitúan ao municipio “no mellor escenario posible”, segundo palabras do subdelegado do Goberno, Abel Losada. As cifras déronse a coñecer esta mañá na Xunta Local de Seguridade, presidida polo alcalde, Telmo Martín, no salón de plenos do Concello de Sanxenxo. “Hai unha moi boa coordinación e colaboración entre a Policía Local e a Garda Civil e iso reflíctese nos resultados”, apuntou Martín.
Na Xunta tamén estiveron José Manuel Duarte Solla, inspector principal xefe da Policía Local de Sanxenxo; David Marín Martínez, tenente do posto de Sanxenxo; Elena Torres Míguez, concelleira de Seguridade Cidadá do Concello de Sanxenxo; María Landín Iglesias, secretaria accidental do Concello de Sanxenxo; Paula Yubero Plaza, xefa provincial de Tráfico de Pontevedra; Jorge Otero Corral, subtenente 2º xefe do departamento de Tráfico de Pontevedra; Luisa Fariña Escudeiro, Policía Local de Sanxenxo; Diego González Vicente, xefe da Unidade Adscrita de Pontevedra (Policía Autonómica); e Daniel Illán Reigosa, tenente adxunto da Comandancia de Cambados.
Durante a Xunta Local de Seguridade fíxose un repaso dos principais eventos previstos durante este verán no municipio, así como do lecer nocturno, que requirirán un maior reforzo policial para garantir a seguridade, como son o concerto de Juan Luis Guerra, Costa Feira ou a Concentración Mototurística. “Non se trata de reforzar cun número concreto senón de estar nos momentos nos que fai falla. O importante é que a xente se sinta segura cando veña a Sanxenxo”, asegurou Martín.
Outro dos asuntos que se abordou na Xunta Local de Seguridade foi a necesidade de que o semáforo das Salinas estea en funcionamento durante o verán, axustando os tempos de espera para interferir o menos posible no tráfico, pero garantindo o paso seguro dos peóns.