A circulación de vehículos no novo tramo empedrado, entre as rúas Ourense e Rosalía de Castro, limitarase a garaxes, servizos e vehículos autorizados.
Sanxenxo, 19 de xuño de 2026.- As melloras realizadas nas últimas semanas teñen como obxectivo potenciar a prioridade peonil do Paseo de Silgar e reducir o tráfico innecesario nun espazo emblemático. Tras a segunda fase do empedrado, entre as rúas Ourense e Rosalía de Castro, limítase a circulación aos vehículos de residentes con garaxe, servizos de hostalaría e comercio e taxis. Ao mesmo tempo, incrementáronse as prazas de aparcamento nas rúas adxacentes, contando agora con 487 prazas de estacionamento rotatorio e libre, 33 de carga e descarga, 3 paradas de autobús, 61 aparcadoiros para motos e 3 prazas para servizos sanitarios ou de urxencias.
Coa ampliación da plataforma empedrada, o Concello busca avanzar na humanización e no impulso da actividade comercial da fachada marítima da vila. E, do mesmo xeito que xa se fixo coa primeira fase, establécese a prioridade peonil e limítase a circulación aos vehículos estritamente necesarios.
As medidas que mellorarán a circulación e a accesibilidade de Sanxenxo e Portonovo son:
-
Unha antiga demanda dos veciños, a ampliación do acceso á Rúa Vigo desde Luis Rocafort, xa é unha realidade, mellorando así a entrada de vehículos e, especialmente, de autobuses. Ademais, cámbiase o sentido de circulación da rúa para facilitar o acceso ás rúas Lugo, As Cunchas e Rosalía de Castro.
-
Créase un novo acceso ao porto deportivo desde Luis Rocafort pola rúa Ramón Cabanillas, que pasa a ser de entrada, sumándose ao acceso existente polas rúas Progreso, Castelao e Vidal Rocha.
-
A rúa Castelao conta agora cun único carril en dirección de saída cara a Luis Rocafort, o que permite aumentar os estacionamentos en batería e habilitar unha nova parada de autobús.
-
Na rúa das Cunchas mantense a entrada e saída desde a rúa Vigo, conservando o acceso para calquera servizo, pero sen posibilidade de acceder ao Paseo de Silgar, agás para vehículos autorizados. A rúa Rosalía de Castro queda de baixada con saída á dereita cara á rúa Vigo. Na rúa Lugo e na avenida Luis Rocafort habilitáronse sendos estacionamentos para motos.
-
A mellora da rotonda de Baltar permitiu abrir un novo acceso ao Paseo de Silgar. Os vehículos poderán entrar por esta rotonda en dirección Silgar e saír pola avenida de Vigo e o Camiño de Baltar cara á circunvalación.
-
O asfaltado e pintado da recta de Baltar e da rotonda de acceso principal a Portonovo, pola rúa Rafael Picó, mellorarán a circulación e o aparcamento de vehículos.