Concello de Sanxenxo - O CONCELLO RECIBE AS OFERTAS DE CASTRO FIGUEIRO E ORECO BALGÓN PARA EXECUTAR A FASE DEFINITIVA DO MERCADO DE SANXENXO
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas

O prazo de execución estímase en 16 meses e inclúe o novo edificio e a humanización da contorna

Sanxenxo, 29 de xuño de 2026.- Dúas empresas optan á execución da segunda e definitiva fase do Mercado de Sanxenxo. O Concello pechou hoxe o prazo de presentación de ofertas con dúas propostas, as de Castro Figueiro e Oreco Balgón. A obra saíu a licitación por 5,4 millóns de euros e será financiada con fondos propios e da Xunta. O prazo de execución estímase en 16 meses e inclúe a construción do novo edificio e a humanización da contorna.

O goberno local busca con esta nova infraestrutura dinamizar a actividade comercial e social, así como ampliar o núcleo comercial cara a este tramo da rúa Madrid. Unha gran praza na fronte do edificio será a clave para a pacificación e rexeneración do espazo urbano da rúa Madrid, desde a rúa Panadeira ata o seu encontro coa rúa Progreso.

Tras unha primeira fase na que se soterró o tráfico mediante un paso inferior no que xa se contemplou espazo para un futuro aparcadoiro público con 32 prazas, así como o acceso ao mercado e ás plantas superiores, o Concello vén de sacar a contratación o novo edificio de cinco plantas que albergará o mercado de abastos, dependencias municipais, unha biblioteca, unha aula de estudo e un espazo de restauración.

O edificio contará coas seguintes plantas:

  • Un soto de 1.447 m², distribuídos en accesos rodados, aparcadoiro, almacéns e salas de máquinas.

  • Unha planta baixa de 494 m² e un entrechán de 324 m², que acollerán o mercado de abastos.

  • A primeira planta (541 m²) destinarase ás dependencias municipais.

  • A segunda e terceira plantas (1.082 m²) albergarán a biblioteca e a sala de estudo.

  • Un espazo baixo cuberta con terraza (319 m²), onde se habilitará unha zona de restauración.

Un dos elementos característicos da proposta gañadora do concurso de ideas, "Los Lunes al Sol", asinada polo arquitecto catalán Tony Bosch, son as súas tres fachadas acristaladas. Co obxectivo de que o edificio cumpra con todos os parámetros de eficiencia enerxética e climatización interior, instalaranse 116 paneis fotovoltaicos. Así mesmo, dotarase dun sistema de ventilación e climatización mediante aerotermia, con bombas de calor independentes para cada planta.

0
0
0
s2sdefault