O prazo de execución das obras estímase en dous meses
Sanxenxo, 30 de xuño de 2026.- O Concello de Sanxenxo continúa mellorando a súa rede municipal de estradas e viarios coa pavimentación do acceso ao lugar de Peai, en Gondar (Vilalonga).
A lonxitude total do viario é de 1.039 metros. O camiño atópase pavimentado con mestura bituminosa en quente, presentando a capa de rodadura un estado de conservación deficiente, polo que resulta urxente a súa reparación mediante a reposición completa da mesma.
As actuacións consistirán na limpeza e apertura de cunetas en ambas as marxes do camiño, na renovación do pavimento asfáltico mediante a extensión e compactación dunha nova capa de rodadura de 5 centímetros de espesor, previa regularización das superficies máis degradadas, e na instalación da sinalización de STOP necesaria no punto de inicio do viario, onde este enlaza con outro viario municipal.
Para a execución das obras estímase suficiente un prazo de dous meses, que inclúe o estudo previo, a preparación e a execución dos traballos.
A actuación terá un custo de 63.525 euros e será financiada mediante unha subvención da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader) e con fondos propios do Concello.