Concello de Sanxenxo - SANXENXO IZOU AS 18 BANDEIRAS AZUIS NAS SÚAS PRAIAS CUN TOTAL DE 87 SOCORRISTAS
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas

O alcalde agradeceu a implicación dos vixiantes dos areais e do persoal de limpeza para “acadar o éxito verán tras verán”

Sanxenxo, 29 de xuño de 2026.- Un total de 87 socorristas velarán este verán pola seguridade nas 18 praias con Bandeira Azul de Sanxenxo. O alcalde, Telmo Martín, acompañado do concelleiro de Turismo e Praias, Juan Deza, entregou esta mañá o distintivo a un representante do servizo de cada areal nun acto celebrado na coñecida tixola de Montalvo. “Sodes parte do éxito que ten Sanxenxo cada verán. O voso traballo garante que as persoas que nos visitan se sintan seguras nos areais”, sinalou.

“Este ano, como sabedes, sumamos un novo distintivo para a praia de Pampaído, na parroquia de Dorrón, pero detrás de cada Bandeira Azul está o esforzo de preto de 200 persoas de seguridade, limpeza e mantemento e para elas hoxe e sempre o noso recoñecemento. Eles forman parte dese Sanxenxo de calidade”, incidiu Martín.

Sanxenxo mantén o seu liderado en España como o municipio con máis Bandeiras Azuis en praias e ocupa a cuarta posición a nivel mundial. Tamén contan con Bandeira Azul o Porto Deportivo Juan Carlos I, o Real Club Náutico de Sanxenxo e o Club Náutico de Portonovo.

Ao acto asistiu a presidenta de Aviturga, Dulcinea Aguín, así como membros do goberno local como Nati Parada, Xoán Pérez e Óscar Vilar que, tras a entrega das Bandeiras Azuis, colaboraron na primeira izada deste verán na praia de Montalvo, un areal que conta con este distintivo de forma ininterrompida desde o ano 2000.

O servizo de socorrismo prestarase entre as 12:00 e as 20:00 horas, coa excepción da praia de Silgar, onde será de 11:30 a 20:30 horas, debido á elevada afluencia de bañistas. Os módulos das praias están equipados con todo o material esixido polo programa Bandeira Azul, entre o que se inclúen desfibriladores, balóns de osíxeno e mochilas de emerxencia. Ademais, dúas zódiacs vixiarán a costa entre A Granxa e A Lanzada.

0
0
0
s2sdefault