O alcalde e a directora xeral de Mobilidade realizaron unha viaxe en autobús ata Portonovo acompañados de numerosos veciños
Sanxenxo, 1 de xullo de 2026.- Unha nova liña de bus urbano comunica desde hoxe Dorrón e Bordóns con Sanxenxo, Portonovo, Vilalonga e A Lanzada dentro do servizo de transporte público posto en marcha polo Concello de Sanxenxo desde o 1 de xullo ata o 31 de agosto. Esta liña ofrecerá un total de oito servizos diarios, con frecuencia de luns a domingo, e un horario comprendido entre as 07:55 e as 23:55 horas.
O alcalde, Telmo Martín, acompañado da directora xeral de Mobilidade, Judith Fontela, así como de membros do goberno local e numerosos veciños, estreou onte con éxito esta nova liña. “É a primeira vez na historia que un bus urbano sae de Dorrón e era unha demanda moi importante. Tamén para Bordóns. Trátase de facilitar os desprazamentos tanto a veciños como a visitantes nunha tempada na que se multiplica a poboación”, sinalou Martín. Ademais, asegurou que “estase a estudar a implantación dun servizo de transporte para comunicar o rural do municipio en función da demanda”.
Pola súa banda, a liña circular que unirá Sanxenxo con Vilalonga e A Lanzada contará con 16 servizos diarios comprendidos entre as 08:30 e as 00:30 horas. Ademais, a liña que conectará Sanxenxo con Portonovo e A Lanzada ofrecerá oito servizos diarios entre as 09:00 e as 23:00 horas. En total, prestaranse 32 servizos diarios de luns a domingo.
A estas tres liñas engadiuse unha nova liña de autobús entre o polígono de Nantes, onde se celebran os concertos de Costa Feira, e Portonovo, con paso por Sanxenxo, coa finalidade de reducir durante estas xornadas os desprazamentos en vehículo privado que xeran estes eventos, ofrecendo unha alternativa de transporte público. Así, ofreceranse 18 servizos diarios, nove en cada sentido: desde o polígono de Nantes, entre as 21:00 e as 06:00 horas, e no sentido inverso, desde Portonovo, entre as 21:30 e as 06:30 horas.
Nestes servizos, a Xunta aplica os descontos e bonificacións vixentes en todo o transporte público autonómico, polo que os menores de 21 anos poden realizar ata 60 viaxes ao mes de balde coa Tarxeta Xente Nova, e todas as persoas maiores de 65 anos viaxan gratuitamente grazas á tarifa +65. En Sanxenxo hai actualmente rexistradas máis de 1.400 tarxetas Xente Nova e máis de 400 correspondentes á tarifa +65.
Cómpre lembrar que este convenio do SIMU entre a Xunta e o Concello de Sanxenxo púxose en marcha en 2024 e foi renovado por terceiro ano consecutivo neste exercicio, cunha vixencia ata xuño de 2027 e coa posibilidade de ser prorrogado no futuro. En canto ao balance do pasado ano, as dúas liñas circulares que funcionaron durante o verán deron servizo a máis de 33.770 persoas.