Concello de Sanxenxo - SANXENXO REXISTROU EN XUÑO A CIFRA DE PARO MÁIS BAIXA E O MAIOR NÚMERO DE POBOACIÓN ACTIVA DA SÚA HISTORIA
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas

Sanxenxo, 3 de xullo de 2026.- Sanxenxo nunca tivera unha cifra tan alta de poboación activa e, ao mesmo tempo, un número de persoas desempregadas tan baixo. E moito menos nun mes de xuño, cando a demanda turística aínda está lonxe da que se rexistra nos dous meses posteriores.

A poboación activa de Sanxenxo en xuño alcanzou as 8.096 persoas, superando o dato do mesmo mes de 2025 (8.008) e tamén o de xullo (8.030), que era ata o de agora a cifra máis alta de veciños activos laboralmente.

Sanxenxo tamén acadou o número máis baixo de persoas desempregadas da serie histórica, con 378 persoas en paro. É dicir, malia contar coa cifra máis alta de poboación activa, houbo menos persoas desempregadas ca nunca. O dato de xuño mellora o de xullo de 2025 (382 persoas desempregadas) e o de agosto (390 persoas desempregadas), que ata o de agora eran os mellores rexistros de paro.

É previsible que o número de persoas desempregadas continúe reducíndose en xullo e agosto, dous meses nos que tradicionalmente Sanxenxo xera máis emprego.

A taxa de paro baixa ata o 4,67 %, tamén neste caso por debaixo das mellores cifras rexistradas ata o de agora, que correspondían aos meses de xullo (4,71 %) e agosto (4,80 %) do ano pasado.

A primeira vez que Sanxenxo conseguiu baixar a súa taxa de paro do 5 % foi en 2025. O feito de que a cifra de xuño de 2026 mellore os datos do ano pasado demostra que non foi unha casualidade, senón unha tendencia froito do traballo conxunto do sector privado e do sector público.

0
0
0
s2sdefault