O alcalde, Telmo Martín, e o presidente do club, Óscar García, asinaron onte un convenio de colaboración
Sanxenxo, 7 de xullo de 2026.- Coincidindo co ascenso do SD Portonovo á Terceira Federación e sendo conscientes do mal estado do terreo de xogo, o alcalde, Telmo Martín, e o presidente do club, Óscar García, asinaron onte un convenio de colaboración para a mellora das instalacións deportivas e a cesión do seu uso.
O Concello comprométese a realizar unha posta a punto do terreo de xogo e a reparación do sistema de rega, mentres que o club autoriza o uso do espazo durante os próximos catro anos, sempre que non interfira nas actividades deportivas do SD Portonovo.
O Concello asumirá tamén, tanto de forma directa como indirecta, a reparación de calquera deficiencia que poida producirse na instalación deportiva con motivo da celebración de actividades alleas ao club. A primeira actividade incluída no marco deste convenio será o concerto de Juan Luis Guerra, Grupo Manía e Gente de Zona, previsto para este domingo, día 12, ás 21:00 horas.
O recinto contará con cinco zonas diferenciadas para o público: Front (2.250 m²), Tribuna (420 m²), Lateral (230 m²), Xeral (5.050 m²) e Fondo (250 m²). A estas súmanse o escenario (1.659 m²) e os vestiarios dos artistas (2.330 m²). En total, o evento ocupará unha superficie de 12.189 m². Ademais, habilitaranse catro accesos para a entrada ás distintas zonas.