A actuación está valorada en 92.000 euros, dos que 73.610 euros serán subvencionados polo GALP e o resto financiarase con fondos propios.
Sanxenxo, 10 de xullo de 2026.- O Concello de Sanxenxo renovará a pasarela de acceso principal á praia de Montalvo para mellorar o acceso e protexer a duna que percorre a parte alta do areal. A actuación inclúe unha plataforma elevada, polo menos, 50 centímetros sobre a actual rasante dunar e elementos de protección lateral. O custo dos traballos ascende a 92.000 euros, dos que 73.610 euros serán subvencionados polo GALP e o resto financiarase con fondos propios. A superficie total da pasarela é de 235 m². A obra dará comezo despois do verán e o prazo de execución será de oito semanas.
Os traballos inclúen a desmontaxe e retirada do entaboado e das varandas de protección, así como a montaxe dunha pasarela de dous metros de ancho formada por pilotes de plástico reciclado, pavimento de entaboado de plástico reciclado e varandas de protección lateral.
Deste xeito, a Concellería de Turismo e Praias continúa mellorando os areais cada ano e coidando un dos principais atractivos do municipio, como son as praias. Montalvo conta con 950 metros lineais de extensión e co distintivo de Bandeira Azul, que certifica a calidade das súas augas e servizos de forma ininterrompida desde o ano 2000.