As atraccións infantís concentraranse nun treito de Rafael Picó e no parque do Espiñeiro, o que permitirá manter libre o aparcadoiro do varadoiro
Sanxenxo, 31 de xullo de 2026.- O concelleiro de Cultura e Eventos, Xoán Pérez, presentou esta mañá a programación das Festas de San Roque. Fíxoo no Miradoiro da Peixeira, unha das imaxes máis representativas de Portonovo e protagonista do cartel desta edición. “O obxectivo é que veciños e visitantes desfruten de Portonovo e de todas as actividades que propoñemos”, sinalou.
Tras o éxito da pasada edición, as atraccións infantís volverán concentrarse nun treito da rúa Rafael Picó e no parque do Espiñeiro, mantendo dispoñibles as 80 prazas de estacionamento do varadoiro.
A programación dará comezo o venres 14 de agosto co Día do Mariñeiro. A contorna da lonxa acollerá a tradicional sardiñada popular gratuíta, amenizada por Voces de Sempre e Portonovo Canta. Pola noite, a verbena correrá a cargo das orquestras Atenas e Charleston Big Band.
O sábado 15 de agosto, festividade de Santa María de Adina, os pasarrúas abrirán a xornada festiva e servirán de antesala aos actos litúrxicos na honra da patroa. Ás 19:00 horas celebrarase a tradicional baixada das imaxes dos santos desde a igrexa de Adina ata a capela de Santa Catalina.
O domingo 16 de agosto celebrarase o día grande de San Roque, con pasarrúas, misa e a tradicional Procesión do Encontro na marquesiña de Portonovo. Ás 19:00 horas terá lugar a misa solemne na honra de San Roque e, a continuación, a ofrenda do grupo Os Gatiños. A verbena estará amenizada polas orquestras Marbella e Alkar.
Como principal novidade desta edición, o espectáculo pirotécnico lanzarase desde unha plataforma situada no mar, fronte á praia de Baltar, para ofrecer unha maior espectacularidade.
O luns 17 de agosto, Día do Carme, a xornada comezará cun pasarrúas e un concerto da Banda de Música de Sanxenxo. Pola tarde celebrarase a tradicional misa na honra da Virxe do Carme e, pola noite, actuarán a orquestra Panorama e Studio 21 DJ.
O martes 18 de agosto, Día do Can, disputarase a Carreira Popular IV Memorial Rafael González "Michu", cuxas inscricións xa están abertas. De 17:30 a 21:30 horas, a zona traseira da lonxa converterase no epicentro dos xogos populares e do Desfile de Disfraces de Cans. A partir das 22:30 horas, a verbena estará protagonizada por París de Noia e DJ Paco Vulkano.
O mércores 19 de agosto celebrarase o Día do Neno, con prezos especiais nas atraccións. Ademais, todos os días, entre as 19:00 e as 20:00 horas, establecerase unha hora sen ruído como medida inclusiva para facilitar que persoas con autismo ou con sensibilidade ao ruído poidan desfrutar das atraccións en condicións máis axeitadas.