Concello de Sanxenxo - O CONCELLO INICIA A POSTA A PUNTO DOS CENTROS EDUCATIVOS PARA O VINDEIRO CURSO ESCOLAR
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas

 

Sanxenxo, 14 de agosto de 2026.- O Concello de Sanxenxo leva a cabo obras de mantemento e reforma nos seus centros educativos de cara ao vindeiro curso, cun investimento de algo máis de 61.400 euros. Trátase dunha actuación que se desenvolve cada verán desde as áreas de Educación e Mantemento e Servizos e que xa deu comezo no CEIP de Nantes, CEIP de Magaláns, CEIP O Telleiro, CEIP de Portonovo, CEIP A Florida, CEIP Cruceiro e na Escola Unitaria de Aios.

Aos traballos habituais de mantemento que realiza o persoal municipal súmanse pequenas actuacións contratadas polo Concello de Sanxenxo para reparar e emendar deficiencias. “Queremos que tanto o alumnado como os docentes reciban e presten a actividade educativa nas mellores condicións de confortabilidade posibles”, asegura Nati Parada.

Así, entre as obras de maior custo atópase a revisión e posta a punto de todas as caldeiras dos centros educativos. Tamén se renovarán os portais dos colexios de Magaláns e Portonovo, así como as portas da EEI de Aios. Repararase o portal do CEIP O Telleiro e cambiaranse as fiestras do comedor. Ademais, realizarase unha limpeza de todos os canalóns para evitar atoamentos durante o inverno que poidan derivar en filtracións de auga e humidades.

Os traballos inclúen tamén a reparación de gretas, limpeza e pintado de interiores. Precisamente, a concelleira de Educación, Nati Parada, visitou esta semana os colexios de Nantes e Portonovo, onde se están levando a cabo traballos de pintura das aulas, colocación de novos percheiros e acondicionamentos exteriores.

Estas actuacións completan o programa de conservación dos colexios, que durante o verán mobiliza tamén o persoal municipal de Obras, Xardíns, Electricidade e Medio Ambiente para realizar reparacións de portas, persianas, iluminación, fontanería, pavimentos, pintura interior e acondicionamento de patios e zonas verdes.

0
0
0
s2sdefault