Concello de Sanxenxo - A POLICÍA LOCAL TRAMITOU 382 DENUNCIAS POR OURIÑAR NA VÍA PÚBLICA DURANTE O PASADO MES DE XULLO
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas

 

Recolléronse 364 obxectos perdidos e 145 foron entregados aos seus propietarios

Sanxenxo, 17 de agosto de 2026.- A intensa actividade turística e o crecemento poboacional estival en Sanxenxo reflectíronse de forma directa na estatística de actividade da Policía Local rexistrada en xullo. A central da comisaría situada en Miraflores recibiu un total de 2.540 chamadas para solicitar axuda, denunciar ou pedir información.

En canto á actividade na rúa, tramitáronse 1.694 denuncias de tráfico e 548 administrativas. Entre estas últimas, a máis repetida durante o pasado mes foi a de ouriñar na rúa, cun total de 382 denuncias. Estas infraccións, tipificadas como graves e detectadas principalmente durante as horas nocturnas, comportan sancións económicas de ata 400 euros, segundo o establecido na Ordenanza de Convivencia Cidadá.

As denuncias por realizar botellón tamén ocuparon boa parte do labor policial durante o pasado mes, cun total de 64 denuncias, seguidas de 29 por ruídos; 15 por incumprimentos de horarios en establecementos hostaleiros e 1 por exceso de capacidade.

Obxectos perdidos

Ás oficinas da Policía Local chegaron durante o mes de xullo 364 obxectos perdidos, dos cales 145 xa foron devoltos aos seus propietarios. Nesta ocasión, os obxectos máis recibidos foron aneis, documentación e teléfonos móbiles, pero tamén chaves, tarxetas bancarias e diñeiro en efectivo.

Os obxectos permanecen almacenados baixo custodia policial durante un prazo máximo de 24 meses (2 anos). Se nese período de tempo ninguén reclama legalmente a súa propiedade, a normativa municipal establece que os artigos serán destruídos, reciclados ou doados a colectivos sociais.

0
0
0
s2sdefault