Concello de Sanxenxo - SANXENXO NA HISTORIA DEDICARÁ UN MONOGRÁFICO A FREI JUAN DE NAVARRETE EN PLENO PROCESO DE CANONIZACIÓN
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas

 

O académico Marcelino Agís será distinguido nesta edición polo seu labor en AELOS e a súa “vocación ao servizo da cultura”

Sanxenxo, 19 de agosto de 2026.- A figura de Frei Juan de Navarrete centrará as XVI Xornadas de Sanxenxo na Historia, coincidindo coas actuacións previas ao proceso da súa canonización. O alcalde, Telmo Martín, acompañado do concelleiro de Cultura, Xoán Pérez, asistiu esta mañá á presentación das xornadas, que se celebrarán os días 26, 27 e 28 de agosto no Pazo Emilia Pardo Bazán.

O presidente de AELOS, Isidoro Sabell, incidiu en que o programa “nos invita a realizar unha viaxe no tempo para trasladarnos aos inicios do século XVI e á figura excepcional de Frei Juan de Navarrete”. Na mesma liña, subliñou que “estamos a falar dunha época na que a vila de Sanxenxo comeza a forxar a súa propia identidade, convértese en capital da xurisdición da Lanzada, érguese o antigo templo parroquial e, por primeira vez, o seu nome aparece nas cartas de navegación”.

O secretario da asociación, Guillermo Rodiño, foi o encargado de debullar a programación, que inclúe mesas redondas e coloquios arredor da figura de Frei Juan de Navarrete. “Repasaremos o contexto histórico, a devoción e memoria, a súa pegada e incluso un recital poético”, sinalou.

Durante a presentación, Francisco Chan falou do “documental científico e histórico do percorrido físico da peregrinación de Frei Juan de Navarrete, pero tamén da loita contra certas tradicións seculares”.

O alcalde foi o encargado de dar a coñecer o fallo do xurado do Premio Sanxenxo na Historia, que nesta edición recaerá en Marcelino Agís. “Como recoñecemento polo seu extraordinario e xeneroso labor liderando a fundación do Seminario de Estudos Locais de Sanxenxo; un traballo amplo e xeneroso que promoveu a recuperación dos valores históricos, artísticos e culturais do concello, favorecendo o seu coñecemento e a súa divulgación a través da celebración de xornadas e publicacións”. Ademais, destacouse “que nos atopamos ante un académico cunha intachable vocación ao servizo da cultura. Compromiso que deu os seus froitos á fronte de AELOS e coa publicación das actas das xornadas de Sanxenxo na Historia; unha obra de referencia obrigada para o coñecemento rigoroso do noso patrimonio e do noso devir histórico”.

O alcalde incidiu en que se “trata dun premio moi merecido e que a figura de Marcelino Agís está chamada a recibir máis premios”.

0
0
0
s2sdefault