O concelleiro de Cultura e Eventos, Xoán Pérez, e o de Deportes e Xuventude, Marcos Guisasola, presentaron esta mañá a cita xunto ao promotor, Clemente Pimenta
Sanxenxo, 18 de agosto de 2026.- O skatepark e o parque do Espiñeiro serán os epicentros da Urban Feira que se celebra este venres en Portonovo. Os concelleiros de Cultura e Eventos, Xoán Pérez, e de Deportes e Xuventude, Marcos Guisasola, presentaron esta mañá, xunto ao promotor da cita, Clemente Pimenta, a programación. “Trátase de achegar as distintas demostracións de cultura urbana e deporte a Portonovo, aproveitando as instalacións que temos. Vai ser unha xornada diferente, pensada para que os mozos e mozas a desfruten”, sinalou Xoán Pérez.
A actividade dará comezo ás 10:00 horas coa apertura de 15 postos de artesanía con xabóns, conservas, complementos… no parque anexo ao skatepark, onde se desenvolverán ao longo de toda a xornada obradoiros e actividades gratuítas de skate, calistenia, parkour e escalada, con monitorización constante.
Os horarios dos obradoiros dividiranse por idades: de 10:30 a 12:00 horas, para mozos e mozas de entre 8 e 12 anos; de 16:00 a 18:00 horas, para idades comprendidas entre os 12 e os 18 anos; e de 18:30 a 20:00 horas, para maiores de 18 anos. A inscrición poderá realizarse o propio día ou a través da conta de Urban Feira.
No parque do Espiñeiro, de 16:00 a 20:00 horas, celebrarase un campionato de Skills na cancha 3x3, con inscrición gratuíta. O primeiro premio estará dotado con 100 euros e o segundo con 50 euros. De 19:30 a 20:30 horas terá lugar un workshop a cargo do campión do mundo de calistenia.
A música será o fío condutor da xornada cunha foliada a cargo de A Xaiba, de 13:15 a 14:45 horas, e con A Noite das Estrelas, de 21:30 a 23:45 horas, coa participación dos artistas DrewCrey, PKO3, hydn e Lottie.