Sanxenxo, 14 de setembro de 2026.- O servizo de bus circular rexistrou 17.280 usuarios durante o mes de agosto. Esta cifra supera nun 11% a de viaxeiros rexistrados durante o primeiro ano de funcionamento.
Trátase do terceiro verán no que o Concello de Sanxenxo aposta por mellorar a mobilidade no municipio. Este ano, ás liñas circulares que uniron Sanxenxo con Vilalonga e A Lanzada, e Sanxenxo con Portonovo e A Lanzada, sumouse outra con oito viaxes diarias para dar servizo a Bordóns e Dorrón.
“Facemos un balance moi positivo dun servizo que, por terceiro ano consecutivo, se consolida e evoluciona cunha moi boa acollida por parte dos veciños e visitantes”, asegura o alcalde, Telmo Martín.
Nestes servizos, a Xunta aplicou os descontos e bonificacións activos en todo o transporte público autonómico, polo que os menores de 21 anos poden realizar 60 viaxes ao mes de maneira gratuíta coa Tarxeta Xente Nova, e todas as persoas maiores de 65 anos viaxan gratis grazas á tarifa +65.
Cómpre lembrar que este convenio do SIMU entre a Xunta e o Concello de Sanxenxo se puxo en marcha en 2024 e foi renovado por terceiro ano consecutivo neste exercicio, con vixencia ata xuño de 2027 e coa posibilidade de prorrogarse no futuro.
En canto ao balance total do verán, as tres liñas circulares que funcionaron durante a tempada estival deron servizo a 32.776 persoas.