As picaduras de faneca lideraron as asistencias con 943 casos, seguidas das curas de feridas (630) e das asistencias por picaduras de insectos (61)
Sanxenxo, 14 de setembro de 2026.- O servizo de Salvamento e Socorrismo de Sanxenxo pechou agosto cun total de 5.848 intervencións nos diferentes areais do municipio. Do total de actuacións, 4.726 foron realizadas directamente nos módulos de socorristas das praias, mentres que 1.122 requiriron a mobilización de recursos marítimos e embarcacións.
A afluencia turística viuse reflectida na distribución da actividade por praias. O areal de Silgar encabezou a lista cunha notable diferenza, sumando un total de 1.291 intervencións. Por detrás situáronse as praias de Canelas (575), Montalvo (502), Espiñeiro - A Lanzada (452) e Baltar (431). No extremo oposto, calas ou praias de menor tamaño como Pampaído (22) e Area de Agra (57) rexistraron as menores taxas de incidencias.
No apartado de primeiros auxilios e asistencias sanitarias na area, a faneca foi o principal motivo de atención, con 943 persoas afectadas. Os areais con maior incidencia deste peixe foron Espiñeiro - A Lanzada (150), Canelas (146) e Areas (106).
O persoal de salvamento tamén atendeu 630 curas por feridas, 30 contusións, 23 incidencias por ourizos de mar e 61 picaduras de insectos. Así mesmo, o labor de prevención quedou patente con 803 avisos a bañistas, 763 avisos por ordenanza e a recollida de 1.093 residuos nas zonas de baño. No apartado de emerxencias graves, contabilizáronse 15 traslados en ambulancia e 17 avisos por persoas desaparecidas, que se resolveron con éxito.
Intensa actividade preventiva no mar
O servizo de embarcacións sumou 1.122 intervencións, concentrando boa parte dos seus esforzos en labores de prevención e control de condutas de risco na auga. Destacaron os 450 avisos emitidos a artefactos flotantes (como táboas de paddle surf, kaiaks ou pedaletas) e os 210 avisos por saltos desde rochas ou lugares elevados de perigo, localizados maioritariamente na praia de Paxariñas (145 avisos).
Por último, as tripulacións de salvamento marítimo completaron con éxito 35 rescates acuáticos directos durante o mes, efectuando 13 deles en Silgar, 10 en Montalvo, 8 en Canelas e 4 na praia de Major.