Concello de Sanxenxo - O CONCELLO ADQUIRE UNHA VIVENDA NO CASCO URBANO DE PORTONOVO PARA ESTABLECER A SEDE DE ÍNSULA
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas

A compra, valorada en 267.000 euros, contribuirá á mellora da zona na que se vai situar a nova sede da empresa municipal

Sanxenxo, 16 de setembro de 2026.- Co obxectivo de impulsar a vivenda pública e a xestión de infraestruturas no municipio, o goberno acaba de formalizar ante notario a compra dun inmoble situado en pleno casco urbano de Portonovo. O espazo servirá para construír a nova sede central de Ínsula Sanxenxo, a empresa municipal de Vivenda e Solo.

A empresa municipal de Vivenda e Solo, presidida polo alcalde, Telmo Martín, acordou no último consello de administración a súa adquisición. O inmoble adquirido, situado facendo esquina entre a Rúa da Mariña e Arturo Fontán Bouzas, atópase, como se pode apreciar nas dúas fotografías que se achegan, nun grave estado de abandono, o que xera un problema de salubridade e unha mala imaxe no casco urbano da vila mariñeira.

Ante esta situación, o Concello procederá, en primeiro lugar, á demolición da estrutura e, posteriormente, construirase no solar un edificio de varias plantas, que xa se está deseñando e que estará destinado a albergar a sede da empresa municipal.

Aínda que Ínsula conta na actualidade con oficinas no parque empresarial de Nantes, a envergadura do seu plan de acción residencial e o desexo do goberno de seguir descentralizando servizos fan necesario situar a sede na vila de Portonovo. Esta non é a primeira iniciativa de traslado de servizos municipais á vila. Xa se fixo en 2005 cos Servizos Sociais que, cando conclúa a reforma do edificio de usos múltiples de Portonovo, se trasladarán a este inmoble. Máis recentemente, trasladouse á Casa de Don Fernando a Concellería de Deportes, Xuventude e Voluntariado. Proximamente, o goberno dará a coñecer novas actuacións na vila.

Esta operación consolida un ano clave para a política de vivenda en Sanxenxo, tras o peche de importantes compras de bolsas de solo destinadas á vivenda protexida. Entre estas adquisicións destacan terreos estratéxicos en Vilalonga, Noalla e Miraflores, desenvolvidos en colaboración coa Xunta de Galicia, así como a parcela da Rúa das Cunchas, onde está prevista a construción de preto de 40 vivendas públicas en réxime de alugueiro.

0
0
0
s2sdefault