O alcalde emitiu esta mesma mañá a súa manifestación de vontade e compromiso co proxecto
Sanxenxo, 21 de setembro de 2026.- O alcalde de Sanxenxo, Telmo Martín, remitiu esta mesma mañá á Consellería de Política Social e Igualdade a manifestación de vontade e compromiso para a implantación dunha residencia para persoas maiores en Sanxenxo. Tras ser seleccionado como municipio para albergar un centro destas características, o goberno porá á disposición da Xunta unha parcela municipal que cumpra cos requisitos esixidos nun prazo máximo dun ano.
“É un equipamento moi demandado en Sanxenxo que virá a completar o servizo de atención dos nosos maiores. Unha medida máis de conciliación que facilitará o contacto cotiá coas familias”, asegura Telmo Martín. Na mesma liña, agradece á Xunta de Galicia “a súa resposta e aposta decidida polos maiores”.
O centro proxectado en Sanxenxo será de grandes dimensións, con máis de 100 prazas residenciais. O novo equipamento completará o abano de servizos municipais de atención ás persoas maiores no municipio.
Cómpre lembrar que Sanxenxo é un dos concellos pioneiros en contar cun Centro de Día municipal con capacidade para 80 usuarios, con atención integral e especializada en xornada diúrna (8 horas diarias) a persoas maiores en situación de dependencia, co obxectivo de mellorar a súa calidade de vida e favorecer a súa permanencia na súa contorna habitual.
Ademais, este mesmo ano, Sanxenxo reforzou o gasto social do municipio tras acordar adiantar o concurso público do Servizo de Axuda no Fogar (SAF) co obxectivo de deixar a lista de espera a 0 de forma progresiva. Cun investimento superior aos 2 millóns de euros ao ano, consolídase un incremento do gasto social no municipio ata os 225 euros por habitante, unha cifra significativamente superior á media estatal. Desde o ano 2017, o investimento destinado ao SAF en Sanxenxo incrementouse nun 639 %.