O goberno levará a proposta á sesión plenaria ordinaria que se celebrará o vindeiro luns, 28, ás 10 horas
Sanxenxo, 22 de setembro de 2026.- O Concello de Sanxenxo completará antes do 31 de decembro a xestión directa da recollida de residuos sólidos urbanos e da limpeza viaria do municipio. O goberno levará a proposta á sesión plenaria ordinaria que se celebrará o vindeiro luns, 28, ás 10 horas, para iniciar a transformación gradual de ambos os servizos. Foi o pasado 30 de marzo cando se adoptou a decisión plenaria de incoar o procedemento para asumir a xestión directa e encargar un proxecto de xestión no que se avaliasen todas as circunstancias xurídicas, económicas e orzamentarias para adoptar unha decisión definitiva.
O goberno xa dispón do documento no que se conclúe que “é perfectamente viable dende o punto de vista legal e funcional”. Ademais, destaca como beneficios o aforro do 29 % no servizo, ao non seren aplicables o IVE, os gastos xerais e o beneficio industrial; a posibilidade de periodificar a curto, medio e longo prazo a instalación e montaxe de equipos e maquinaria que sexa preciso ampliar ou substituír; manter o prezo do recibo actual; a exclusión da limpeza de praias; unha maior flexibilidade de adaptación ás necesidades do servizo e a mellora das condicións laborais dos traballadores.
O Concello subrogará os traballadores adscritos aos servizos e reforzará a maquinaria e os colectores necesarios para ofrecer un servizo de maior calidade ao municipio. Mentres se formaliza a asunción da xestión directa, a actual concesionaria Ascan continuará coa prestación do servizo.