Concello de Sanxenxo - A CONCELLARÍA DE SEGURIDADE CIDADÁ PON EN MARCHA A CAMPAÑA “SANXENXO, UN LUGAR PARA VIVIR SEGURO”
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas

Repartirá 1.000 folletos informativos cos principais cambios da nova norma de circulación que entra en vigor o 1 de outubro

Sanxenxo, 29 de setembro de 2026.- Sanxenxo, a través da Concellería de Seguridade Cidadá, pon en marcha a campaña “Sanxenxo, un lugar para vivir seguro”, coincidindo coa entrada en vigor dos cambios na norma de circulación o 1 de outubro. Para esta acción, o departamento dirixido por Elena Torres xa imprimiu 1.000 folletos informativos que se prevé repartir en centros educativos e edificios municipais para chegar ao maior público posible. Tamén está prevista a realización de charlas nos colexios e institutos que así o demanden.

“Apelamos á colaboración de todos os veciños e veciñas baixo a premisa de que un Sanxenxo máis seguro se constrúe protexendo os colectivos máis vulnerables”, asegura Torres. Na mesma liña, lembra “o excelente traballo do Poli Paco en materia de educación viaria e esta campaña consolida a Sanxenxo como referente de seguridade viaria integral”.

No folleto repásanse os principais cambios da normativa:

1. Novas obrigas para vehículos de dúas rodas e Vehículos de Mobilidade Persoal (VMP)

A normativa endurece as condicións de seguridade para os condutores de ciclomotores e motocicletas, que terán a obriga de usar luvas en vías interurbanas e calzado pechado en calquera tipo de vía, ademais do casco homologado. Os repartidores profesionais (riders) deberán vestir chaleco reflectante en todo momento.

Pola súa banda, os ciclistas deberán circular preferentemente polo centro do carril, manter unha separación mínima de 5 metros con outros vehículos ao adiantar e usar casco en vías interurbanas. Como novidade, permitiráselles circular en sentido contrario en rúas de calzada única cun límite de velocidade de 30 km/h ou inferior, sempre que a vía estea debidamente sinalizada.

Respecto aos patinetes eléctricos (VMP), establécese unha idade mínima de condución de 15 anos. Será obrigatorio o uso do casco e manter as luces acesas, xunto cun elemento luminoso ou reflectante que resulte visible a unha distancia mínima de 150 metros. Estes vehículos terán preferencia nos carrís bici, deberán gardar unha distancia de 5 metros co resto dos vehículos e teñen terminantemente prohibido circular polas beirarrúas.

2. Ordenación urbana, contornas escolares e autocaravanas

Para reforzar a seguridade dos peóns, o Concello implementará de forma xeneralizada que o ámbar intermitente dos semáforos para vehículos non coincida co verde de paso para peóns. Así mesmo, revisaranse os “Camiños Escolares Seguros”, postos en marcha o ano pasado, para favorecer de forma regulada os desprazamentos a pé, en transporte público ou en medios non motorizados.

A ordenanza tamén clarifica o uso do espazo público para o sector das autocaravanas. Poderán estacionar de forma regulada sempre que descansen exclusivamente sobre os seus pneumáticos, calzos ou cuñas, quedando terminantemente prohibido verter fluídos ou despregar elementos que sobresaian do perímetro do vehículo, como toldos, mesas ou cadeiras.

3. Chamamento á colaboración cidadá

A través da figura próxima do Poli Paco, o Concello de Sanxenxo fai un chamamento formal a toda a poboación para que interiorice estas directrices e colabore activamente na construción dunha contorna urbana máis transitable e segura para todos.

0
0
0
s2sdefault