Concello de Sanxenxo - SETEMBRO CONSOLÍDASE COMO TERCEIRO MES LÍDER EN PERNOCTACIÓNS HOTELEIRAS EN SANXENXO
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas

 

Os hoteis rexistraron 126.989 estadías, un 15,30 % máis que no mes de xuño e un 19,23 % máis que en setembro de 2025

Sanxenxo, 23 de outubro de 2026.- Sanxenxo continúa afianzando o seu crecemento turístico. O pasado mes de setembro consolidouse firmemente como o terceiro mes do ano en pernoctacións hoteleiras, ao rexistrar un total de 126.989 estadías, segundo os últimos datos de Conxuntura Turística Hoteleira publicados polo Instituto Nacional de Estatística (INE).

Este balance histórico supón un crecemento do 19,23 % respecto ao mesmo mes do ano anterior e supera nun 15,30 % as cifras rexistradas en xuño, confirmando a excelente saúde turística do municipio ao final do verán.

Cómpre destacar que os datos de Conxuntura Turística do INE reflicten unicamente a actividade hoteleira, que representa só unha fracción da capacidade de aloxamento global, é dicir, tan só unha parte do total das prazas de aloxamentos turísticos, en concreto unhas 9.415 prazas hoteleiras, xa que Sanxenxo conta con 54.833 segundas residencias, 13.365 prazas en vivendas de uso turístico, 4.773 en cámpings e 2.767 en apartamentos turísticos.

En canto ao número de establecementos hoteleiros abertos no noveno mes do ano, o INE contabiliza 135, con aproximadamente 4.144 habitacións dispoñibles. Tamén se realiza un cálculo sobre o persoal empregado, que durante o mes ascendeu a 1.088 persoas, e un grao de ocupación do 51,46 %.

Durante o mes de setembro, Sanxenxo concentrou o 26,73 % das pernoctacións da provincia de Pontevedra e o 18,74 % do total autonómico.

0
0
0
s2sdefault