A concelleira de Educación, Nati Parada, entregou esta mañá a José Janza Valladares, de 98 anos, un diploma e un libro
Sanxenxo, 23 de outubro de 2026.- Sanxenxo celebra o Día das Bibliotecas cun recoñecemento aos lectores de maior idade. A concelleira de Educación, Nati Parada, entregou esta mañá un diploma acreditativo e un libro ao lector de maior idade, José Janza Valladares, de 98 anos, usuario habitual da Biblioteca de Sanxenxo. Tamén foi premiada Lieselotte Katscher, de 97 anos, usuaria da Biblioteca de Portonovo. O Concello busca visibilizar que a lectura non entende de idades e consolidar as bibliotecas locais como espazos de encontro e aprendizaxe para todas as xeracións.
Na actualidade, Sanxenxo conta con 5.844 usuarios rexistrados nos seus tres puntos de servizo: a Biblioteca Emilia Pardo Bazán, a Biblioteca de Portonovo e a Axencia de Lectura de Vilalonga. Entre os títulos máis demandados atópanse:
-
Adultos: Os crimes de Lodeiro, El valor de la atención, Las crónicas de Narnia, Llevará tu nombre, Golpes de luz e Vivir con serenidad.
-
Infantil: El diario de Mike, Policán, Boni vs Mono e Diferentes, pero iguales.
-
Cómic e manga: Pikachu, Dragon Ball e Naruto.
Ao longo do ano, as bibliotecas acollen numerosas actividades dentro do programa Ler conta moito, cunha grande aceptación por parte dos nenos e das familias. Entre as máis destacadas deste ano atópanse Nube de Algodón, Trasnadas e María da Pontragha.
Dentro do programa «Coñece a túa biblioteca», organízanse visitas escolares cos centros educativos para dar a coñecer as instalacións. Estas visitas realízanse baixo demanda e por tramos de idade, co fin de adaptar a información ás características do alumnado.
Entre abril e maio deste ano pasaron polas bibliotecas escolares do CEIP de Noalla, do CEIP A Florida de Sanxenxo, do CEIP Magaláns e do CEIP de Nantes.