Concello de Sanxenxo - O CONCELLO INICIA A MELLORA DA ENTRADA PRINCIPAL Á PRAIA DE MONTALVO E AVANZA NA DA CARABUXEIRA
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas

 

O investimento nestas dúas actuacións supera os 140.000 euros

Sanxenxo, 6 de novembro de 2026.- Sanxenxo continúa coa súa estratexia de optimización e protección do litoral municipal tras o período estival con dous proxectos impulsados desde a Concellería de Turismo e Praias, dirixida por Juan Deza. Esta mesma semana comezaron os traballos para a renovación integral da pasarela peonil de entrada á praia de Montalvo, ao tempo que avanzan a bo ritmo as actuacións de mellora ambiental e canalización na contorna do areal da Carabuxeira.

A intervención no acceso principal da praia de Montalvo conta cun orzamento de 92.000 euros, financiado de forma conxunta polas arcas municipais e o Grupo de Acción Local do Sector Pesqueiro (GALP). O proxecto técnico deseñouse baixo criterios de estrito respecto ambiental. A antiga infraestrutura será substituída por unha nova pasarela que se elevará un mínimo de 50 centímetros sobre o chan.

Esta altura libre garantirá a dinámica natural do sistema dunar, permitindo o libre movemento da area e protexendo a flora autóctona fronte ao tránsito peonil. A nova senda terá un ancho de dous metros e estará construída con pilotes e entarimados de plástico reciclado de alta resistencia e durabilidade. O prazo estimado para a finalización dos traballos, que inclúen varandas laterais de protección, é de oito semanas.

En paralelo, as obras na contorna da praia da Carabuxeira encaran unha fase decisiva. Os traballos, iniciados o pasado mes de outubro, céntranse na recuperación ambiental do regato que desemboca no areal e na reforma da súa praza de acceso.

A actuación principal consiste na canalización dun tramo de 22,5 metros do regato ao seu paso pola praia, unha medida destinada a evitar que as correntes e os temporais invernais alteren o curso da auga a ceo aberto. Cun investimento de 48.730 euros, este proxecto inclúe tamén a instalación dun paso elevado peonil, a repavimentación da zona de entrada, o perfilado da area e a reparación do muro de cachotería afectado pola erosión mariña.

0
0
0
s2sdefault