Concello de Sanxenxo - SANXENXO PON EN MARCHA A TERCEIRA EDICIÓN DO PROGRAMA COIDÁNDOTE PARA COIDAR
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas

 

Sanxenxo, 6 de novembro de 2026.- Tras o éxito das dúas edicións anteriores, a Concellería de Servizos Sociais, dirixida por Paz Lago, a través do Centro de Información ás Mulleres (CIM), impulsa o programa Coidándote para coidar. Unha iniciativa deseñada especificamente para acompañar, formar e ofrecer apoio emocional ás persoas que exercen como coidadoras no municipio. A actividade é gratuíta e conta con 25 prazas que se irán ocupando por orde de inscrición.

O obxectivo principal desta acción é mitigar os efectos negativos do desgaste diario que sofren as familias coidadoras. Ao mesmo tempo, búscase construír unha rede de apoio local, fomentar hábitos de vida saudables que non comprometan a saúde da persoa coidadora e promover a corresponsabilidade na atención das persoas maiores entre homes e mulleres.

As sesións impartiranse todos os mércores en horario de 10:30 a 12:00 horas na Casa da Cultura de Adina. A asistencia é completamente libre, permitindo ás persoas interesadas inscribirse nos bloques que mellor se adapten ás súas necesidades:

  • Bloque 1: O autocoidado emocional (21 sesións). Desenvolverase entre decembro de 2026 e maio de 2027. Estará impartido por unha psicóloga especializada e abordará a xestión do estrés, a prevención do desgaste, a autoestima e a comunicación asertiva.

  • Bloque 2: Principais enfermidades na persoa adulta (1 sesión). Celebrarase o 26 de maio de 2027 a cargo dun profesional de enfermaría para analizar patoloxías como as demencias, o párkinson ou o cancro.

  • Bloque 3: A adaptación do fogar á persoa dependente (1 sesión). Terá lugar o 2 de xuño de 2027, impartido por un profesional de axuda a domicilio. Centrarase en primeiros auxilios, prevención de riscos domésticos, hixiene e mobilidade.

  • Bloque 4: A liberación da tensión emocional (1 sesión). O 9 de xuño de 2027 pechará o programa cunha sesión de técnicas de relaxación e risoterapia conducida por unha psicóloga.

As persoas interesadas en participar ou recibir máis información poden poñerse en contacto co CIM de Sanxenxo no teléfono 986 72 79 01 ou a través do correo electrónico Este enderezo de correo está a ser protexido dos robots de correo lixo. Precisa activar o JavaScript para velo..

0
0
0
s2sdefault