Concello de Sanxenxo - O CONCELLO LEVA AO IES DE VILALONGA O PROGRAMA SANXENXO XOVE CO PROXECTO «NON PASA DE MODA»
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas

 

A concelleira de Educación, Natividad Parada, e o concelleiro de Xuventude, Marcos Guisasola, asistiron hoxe ao inicio da actividade no centro

Sanxenxo, 12 de novembro de 2026.- O Concello de Sanxenxo, a través do programa municipal Sanxenxo Xove, leva ao IES de Vilalonga o proxecto «Non pasa de moda», unha iniciativa de prevención e promoción do benestar psicosocial na adolescencia dirixida especificamente ao alumnado de 1º e 2º de Educación Secundaria Obrigatoria (ESO). A actividade, que se desenvolverá en tres xornadas, arrancou esta mañá coa presenza da concelleira de Educación, Natividad Parada, e do concelleiro de Xuventude, Marcos Guisasola.

O obxectivo deste programa, dispoñible para todos os centros de secundaria previa solicitude do centro, é previr o inicio e reducir os riscos asociados ao consumo de substancias adictivas en idades temperás, facendo especial fincapé nos riscos e consecuencias derivados do consumo de cannabis. A través dunha información rigorosa e adaptada á súa idade sobre conceptos como o uso, o abuso, a dependencia e a tolerancia, búscase aumentar a percepción do risco entre a mocidade e desmontar mitos e falsas crenzas moi estendidas.

Ademais da información preventiva, «Non pasa de moda» traballa no reforzo das habilidades persoais e nas estratexias de afrontamento do alumnado. Deste xeito, dótase a mocidade de ferramentas prácticas para xestionar a presión de grupo, afrontar situacións de risco e favorecer unha toma de decisións autónoma e responsable.

A actividade desenvolverase nas propias aulas do centro educativo, traballando por grupos-clase para garantir unha atención próxima e eficaz. O programa inclúe unha avaliación previa e posterior á intervención para medir o seu impacto.

Cun enfoque eminentemente práctico e dinámico, as sesións combinan a exposición de contidos con debates, dinámicas de grupo, material audiovisual e a participación activa do alumnado, requirindo unicamente dunha aula equipada con ordenador, proxector e pantalla.

0
0
0
s2sdefault