O colectivo encargarase da posta a punto dos vehículos para a súa posterior reutilización por parte de colectivos con necesidades
Sanxenxo, 12 de novembro de 2026.- O Concello de Sanxenxo doou un lote de 53 bicicletas procedentes da oficina de obxectos perdidos á asociación galega sen ánimo de lucro Recycling para fomentar a economía circular e dar unha finalidade social ao material.
O concelleiro de Medio Ambiente, Yago Torres, e a concelleira de Seguridade Cidadá, Elena Torres, fixeron entrega esta semana das bicicletas ao colectivo, que se encargará de reparar e poñer a punto os vehículos para destinalos a fins sociais, ambientais e a colectivos con necesidades. “As que estean ben só lles facemos unha posta a punto simple e as que non vallan para arranxar, valen para pezas. Temos máis de 500 bicicletas, maioritariamente infantís”, asegura José Luis Pereira, fundador de Recycling.
Os vehículos entregados permanecían almacenados no depósito municipal de vehículos desde había máis de catro anos sen que ningún propietario os reclamase. Tras cumprirse os prazos legais establecidos para a custodia na oficina de obxectos perdidos, o goberno decidiu ceder estas bicicletas para evitar a súa deterioración definitiva e promover a súa reutilización.
Pola súa banda, os responsables de Recycling encargaranse agora de revisar, reparar e poñer a punto as 53 bicicletas. Unha vez acondicionadas, serán entregadas gratuitamente a nenos, nenas e persoas sen recursos, facilitando así a súa mobilidade diaria e o acceso ao lecer saudable.
Con esta actuación, o Concello de Sanxenxo reafirma o seu compromiso coa sustentabilidade, a redución de residuos e a colaboración con organizacións galegas que impulsan iniciativas solidarias.