Concello de Sanxenxo - O Concello ultima a posta a punto das praias, o que supón mobilizar recursos por valor de 685.000 €
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas

A Concellería de Medio Ambiente rematará a próxima semana os traballos de acondicionamento de praias que iniciou hai un mes.

A motoniveladora e as máquinas rozadoras xa acondicionaron os accesos das praias a falta de pequenos detalles. En todos realizouse unha nivelación do terreo e unha limpeza e roza.

67.000€ destináronse á instalación de novas pasarelas de madeira, e cerramentos, especialmente nas praias con dunas. Ademais, están a mellorarse a accesibilidade con flexi-pasarelas para persoas con mobilidade reducida nas praias de Panadeira, Silgar, Baltar e Caneliñas.

14.200€ costa a dotación de lavapés en todos os areais. A Concellería de Medio Ambiente apostou este ano pola substitución das duchas por lavapés seguindo criterios medio ambientais e de aforro de auga, unha medida que xa se aplica na maioría dos municipios do litoral español.

130.000€ foi o custo da compra de 6 módulos mixtos de salvamento e aseos que se instalaron nas praias da Lanzada, Bascuas, Paxariñas, Canelas, Caneliñas e Silgar. 30.000€ para dous novos módulos de socorristas nas praias de Pragueira e Montalvo, 17.000€ para un módulo de aseo na praia de Panadeira e 4.000€ do aluguer dun módulo da praia de Baltar.

Como xa se fixo o ano pasado, en lugar das papeleiras que quedaban pequenas, nos accesos aos areais colocáronse contedores verdes e amarelos. Así se aumenta a capacidade e evítase que o lixo que soborda as papeleiras acabe no chan e o vento a leve. Ademais de permitir a separación dos residuos.

En Montalvo, como xa se fixo en Foxos o ano pasado, van instalar uns paneis (3.000€) cunha foto do areal e unhas frechas ilustrativas de como actúan as correntes. Foxos e Montalvo son praias ás que acoden diariamente surfistas para practicar este deporte e consideramos que esta información é necesaria, para evitar posibles accidentes.

Nos próximos días comezarán os traballos de balizamento dos areais co fin de preservar as zonas de baño doutras actividades que poidan entrañar perigo para os usuarios. O balizamento ten un custo de 76.230 € e supón a colocación de 213 unidades de mortos de formigón e 220 bólas esférico-cónicas de diferentes cores e tamaños, 8 unidades de canle náutica e 2.370 metros lineais de corcheiras.

O persoal de reforzo para a limpeza de praias fórmano 20 persoas e ten un custo de 42.800 €.

O servizo de salvamento de praias iniciouse a pasada fin de semana coa presenza de socorristas nalgunha das praias máis concorridas. Esta próxima fin de semana xa serán 9 praias as que conten con socorristas e sanitarios: Areas, Silgar, Baltar, Canelas, Montalvo, Major, Foxos e A Lanzada-Espiñeiro. A partir do 29 de xuño todas as praias dispoñerán xa deste servizo. Contratáronse un total de 70 persoas entre socorristas e sanitarios cun custo de 301.000 €.

 

 

0
0
0
s2sdefault