Concello de Sanxenxo - O CONCELLO HABILITA UN PUNTO DE TEST COVID NO PORTO DEPORTIVO PARA FACILITAR O ACCESO SEGURO Á HOSTALARÍA
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas

 
Os test de antíxenos serán realizados por enfermeiros a un prezo de 10 euros, de luns a domingo, en horario de 12 a 16 e de 19 a 23 horas
 
Sanxenxo contará desde o próximo 31 de xullo e ata o 31 de agosto cun punto de test Covid no porto deportivo. O Concello habilitou, en coordinación co centro sanitario E-Saúde, a Sala Nauta para este servizo co que se busca facilitar o acceso seguro á hostalaría e o cumprimento das actuais medidas sanitarias. Estas probas diagnóstico poderán realizarse de luns a domingo en dúas quendas, de 12 a 16 horas, e de 19 a 23 horas.
 
Un equipo de enfermeiros encargarase de tomar as mostras para realizar test de antíxenos cun custo de 10 euros e cuxo resultado será inmediato. No caso de que sexa negativo, emitirase un certificado que se poderá presentar no local de restauración se se quere acceder ao interior e terá unha validez de 48 horas. Un requisito indispensable, senón se dispón do certificado de vacinación completo ou do xustificante médico de ter pasado a enfermidade nos últimos seis meses, como se require no actual nivel máximo de restricións. O punto contará tamén cun servizo complementario para a realización de PCR.
 
Todos os resultados das probas, sexan positivos ou negativos, serán compartidos co Sergas de forma automática a través da plataforma Rexel o que permitirá iniciar o rastrexo nos casos nos que se detecte algún positivo e activar o protocolo. Na Sala Nauta habilitarase unha zona de entrada e de saída para evitar aglomeracións. O acceso estará limitado a unha persoa por proba e, só no caso de que sexa menor ou dependente poderá entrar cun acompañante.
 
O obxectivo do goberno é colaborar cos veciños e visitantes ofrecéndolles un servizo que garanta o uso responsable e seguro aos interiores dos locais de hostalaría a través das probas de detección Covid. O resultado de cada test será remitido de forma automática ao Sergas.
 
0
0
0
s2sdefault