O presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, visitou esta mañá o mostrador de Sanxenxo acompañado do alcalde e membros do sector.
O presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, visitou esta mañá o mostrador de Sanxenxo acompañado do alcalde e de membros do sector.
Sanxenxo, 22 de xaneiro de 2025.- Sanxenxo exhibe a súa paisaxe, sendas e espazos verdes na Feira Internacional de Turismo (Fitur) cunha nova guía de sendeiros azuis dispoñible en formato papel e descargable mediante código QR. Durante os próximos días, estará no mostrador que Sanxenxo ocupa, por quinto ano consecutivo, no stand de Turismo de Galicia debido á súa relevancia a nivel galego e nacional e por ser o único Territorio de Preferente Actuación Turística de Galicia. “Fitur é un escaparate excepcional para amosar a nosa variada oferta turística. Sanxenxo leva anos apostando por esta cita e este ano mesmo coa presentación da media maratón Entre Rías”, indicou o alcalde.
Coincidindo coa presentación da campaña turística autonómica "Xa estás en Galicia!", o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, acompañado do alcalde, Telmo Martín; do concelleiro de Turismo, Juan Deza; do deputado provincial, Marcos Guisasola, e de membros do sector como o presidente do CETs, Alfonso Martínez, visitou o mostrador de Sanxenxo. Este ano, o mural traseiro elixido é unha fotografía que rende homenaxe á costa e ao patrimonio coa ermida da Lanzada ao fondo, destacando unha sendeirista de costas en primeiro plano.
A nova guía está dedicada aos 8 Sendeiros Azuis certificados por Adeac, así como a outros recursos naturais de Sanxenxo e rutas diversas. Este material busca incrementar as pernoctas máis aló das tempadas altas xa consolidadas no municipio, enmarcado na marca comercial "Sanxenxo, 365 días".
Sanxenxo tamén conta con dous grandes tótems situados na entrada da feira, que amosan a súa variada oferta baixo o lema "Sanxenxo, 365 días diferentes". Cada día, cada fin de semana, cada estación é diferente en Sanxenxo. A través de oito imaxes, cedidas polo Real Club Náutico de Sanxenxo e Ollares de Portonovo, resáltanse puntos clave como a ruta de sendeirismo de Dorrón, os flamengos na lagoa de Rouxique en Vilalonga, pescadores entre Punta Corveiro e Punta Faxilda, as artes de pesca no porto de Portonovo, a regata do Campionato de Europa da Clase 6 Metros, o turismo de saúde e benestar, o paseo de Silgar iluminado e a capela da Lanzada.
Durante a feira, están previstos varios encontros de traballo con empresas do sector turístico para explorar sinerxías con outros destinos. Mañá presentarase, en colaboración con O Grove, a segunda edición da Media Maratón Entre Rías.