Concello de Sanxenxo - SANXENXO E O GROVE ALÍANSE PARA PRESENTAR EN FITUR A SEGUNDA MEDIA MARATÓN ENTRE RÍAS COMO “UNHA PROBA ÚNICA”
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas

O atleta olímpico Tariku Novales apadriñou a proba, que terá lugar o vindeiro 18 de maio

Sanxenxo, 23 de xaneiro de 2025.- Cun vídeo de apenas un minuto e medio, Sanxenxo e O Grove presentaron esta tarde en Fitur a paisaxe pola que transcorrerá a segunda edición da media maratón Entre Rías. O presentador Terio Carrera foi o encargado de conducir o acto. “Cando dous concellos da beleza de Sanxenxo e O Grove se unen, pasan estas cousas e dan lugar a estas probas deportivas”, destacou Carrera.

A presentación da proba foi apadriñada polo atleta olímpico Tariku Novales, que confía en poder estar o vindeiro 18 de maio correndo a media maratón entre O Grove e Sanxenxo. “Teño moitas ganas de volver a correr e de poder facelo nesta media maratón, pero terei unha dúbida entre correr e facer unha boa marca ou gozar da paisaxe”, dixo.

Os alcaldes de Sanxenxo, Telmo Martín, e de O Grove, José Cacabelos, contaron co respaldo da deputada Nava Castro e do director de Turismo de Galicia, así como unha ampla representación do sector turístico e da comarca do Salnés. Ambos coincidieron no “acerto” de unirse para organizar unha “proba única” que, en palabras de Merelles, axudará a desestacionalizar o turismo e que “seguro atraerá numerosos visitantes a ambos municipios”.

O alcalde de Sanxenxo asegurou que a proposta de realizar con O Grove esta media maratón pareceulle unha oportunidade de “realizar unha proba única e ser referentes dentro duns anos como xa o somos como destinos turísticos do norte de España en Sanxenxo e O Grove”. Pola súa parte, Cacabelos destacou tamén a “singularidade” de atravesar dúas rías e que “case sería un delito non anotarse”.

O organizador da proba, Serafín Acevedo, destacou que xa hai “preto de mil inscritos” e que a intención é superar os 2.000 participantes.

Non foi a única acción compartida entre os dous municipios durante a xornada de hoxe. Ambos rexedores mantiveron un encontro con membros da Mancomunidade e representantes de Red.es para avanzar no proxecto de Polos Turísticos Intelixentes.

A xornada de hoxe foi intensa en canto a presentacións e visitas no stand de Turismo de Galicia. O alcalde, Telmo Martín, acompañado polos concelleiros de goberno, Marcos Guisasola, Juan Deza e Paula Martínez, visitaron os stands dos maioristas do municipio CN Travel e Viaxes Interrías.

0
0
0
s2sdefault