A actividade enmárcase no 31 Congreso Sociedade Galega de Hipertensión e do 22 Congreso Sociedade Galega de Risco Vascular
Sanxenxo, 18 de setembro de 2025.- O Concello de Sanxenxo, a través da Concellaría de Servizos Sociais, en colaboración coa Sociedade Galega de Hipertensión levarán a cabo os próximos 26 e 27 de setembro un Programa de Educación Sanitaria para a Poboación. Unha actividade pioneira que se enmarca no 31 Congreso Sociedade Galega de Hipertensión e do 22 Congreso Sociedade Galega de Risco Vascular.
A concelleira de Servizos Sociais e Maiores, Paz Lago, e o doutor de Medicina Interna, Carlos Názara, presentaron esta mañá a programación no salón de plenos municipal. Lago apuntou que “conscientes da importancia que teñen estes índices cardiovasculares na nosa saúde queremos achegar estes coidados aos nosos veciños e veciñas con este programa pioneiro”.
A Sala Nauta converterase “nun punto de encontro coa saúde”. O venres 26, de 10:30 a 13:30, acollerá a Conferencia sobre Estilo de Vida Cardiosaudable e pola tarde, de 17 a 19 horas, un Obradoiro Práctico para Desenvolvemento de Hábitos Saudables no que se explicará a toma correcta de presión arterial, exercicios físicos adecuados, recomendacións dietéticas…
O sábado 27, Día da Hipertensión e Risco Vascular, ofrecerase á poboación unha revisión de balde, de 11 a 14 horas e de 17 a 19:30 horas, na que se medirá a presión arterial, perímetro abdominal, peso e determinacións de glicosa e colesterol. Cada persoa levará un informe cos resultados e as recomendacións médicas.
Názara agradeceu a implicación do Concello de Sanxenxo co Congreso que por décimo quinto ano se celebra no municipio. “Foi unha actividade que foi medrando ano tras ano ata chegar a este programa pensando na poboación e nos riscos cardiovasculares. Con estas revisións que imos facer pódense reducir ata un 80% o risco de enfermidades cardiovasculares. O colesterol só é un síntoma que nos alerta”, dixo. Na mesma liña, sinalou que “non existe en Europa un programa como este promovido por un concello”.
En canto aos Congresos, daranse cita en Sanxenxo máis de 300 profesionais de Medicina e Enfermaría procedentes de distintos puntos de España que abordarán no Hotel Carlos I os últimos avances e casos clínicos de enfermidades desde distintas visións. Tratarase o Proxecto Xenoma, actualizaranse os datos sobre a Hipertensión Arterial ou mesmo a aplicación da Intelixencia Artificial nos Lípidos, entre outros.