A actuación inclúe a construción dunha nova pista de pump track
Sanxenxo, 26 de decembro de 2025.- A obra de humanización da contorna do pavillón de Baltar dará comezo tras as festas do Nadal. A empresa Narom será a encargada de realizar os traballos por un importe de 240.648 euros, cos que se busca potenciar a zona de equipamento deportivo de Baltar cunha nova pista de pump track e integrar todas as zonas verdes baixo unha mesma estética. A actuación inclúese dentro do Plan +Provincia da Deputación de Pontevedra.
Con este fin proponse a intervención da parte dianteira do pavillón como un proxecto paisaxístico que conecte coa zona verde do Centro de Día, xerando zonas de estancia sensiblemente planas na base do noiro e no encontro entre os dous espazos coa soleira do pavillón. A actuación inclúe a instalación de bancos de formigón prefabricado con zonas de asento en madeira maciza e unha zona de pavimento duro pola que se poida camiñar.
Na parte exterior traseira do pavillón proponse unha senda realizada en zahorra cemento, ideal para a práctica deportiva, e unha zona central na que se colocará unha estación de adestramento. Tamén se propón unha nova sementeira de céspede natural, respectando a arboreda existente.
No xardín interior do Centro de Día instalarase un toldo sobre unha zona de soleira de formigón. Na zona verde de maior tamaño proponse a colocación de mesas e a xeración de zonas de estancia temporais. Na zona de céspede de menor tamaño proponse unha pequena pista de chave. En canto á edificación, debido ao mal estado da cuberta de metacrilato situada á saída do Centro de Día, proponse a súa substitución por unha de chapa tipo panel sándwich e a execución dun novo peche metálico que delimite a zona das instalacións con respecto á zona verde, así como a inclusión dunha nova porta de comunicación entre as dúas zonas verdes dianteiras.
Como equipamento proponse a colocación do mesmo tipo de banco prefabricado de formigón con zonas de asento en madeira, dispostos na zona de céspede adxacente á circulación. A iluminación de todas as zonas verdes realizarase co mesmo tipo de báculo LED, de xeito que se unifique a imaxe final das intervencións.
Así mesmo, inclúese no proxecto a construción dun circuíto de pump track, que se poderá percorrer completamente cunha bicicleta sen necesidade de pedalear e unicamente a través de impulsos mediante a inercia adquirida nos saltos e peraltes do circuíto e a propia habilidade do ciclista. Trátase dun circuíto no que se poderán practicar diferentes disciplinas de nivel avanzado, cun percorrido de 84,80 metros. Componse dun trazado de cinco rectas con diferentes perfís e cinco curvas formando peraltes.
Dentro deste espazo inclúese unha zona para descanso, descompresión ou quecemento, conectada por dous puntos diferentes ás pistas do pump track. Nesta zona sitúase a área de descanso con aparcabicis. Dado o tipo de circuíto, do que non existe normativa reguladora do deseño nin das características que debe cumprir, o deseño do proxecto requirirá de probas a realizar por bikers durante a súa execución, comprobando así a súa adecuación aos requisitos que se esperan dun circuíto desta natureza.