O programa “Un chocolatiño quente?”, impulsado dende Servizos Sociais, promoveu unha marea solidaria este Nadal
Sanxenxo, 30 de decembro de 2025.- Ao abeiro do programa “Un chocolatiño quente?”, impulsado dende a Concellería de Servizos Sociais e Maiores, dirixida por Paz Lago, espertouse unha grande marea solidaria e colaborativa durante estas festas do Nadal coas familias ás que atende o Banco de Alimentos Rías Baixas e Cáritas. “Sanxenxo é solidario e volveuno demostrar unha vez máis. O chocolatiño foi a escusa para unha resposta impresionante por parte de colectivos e veciñanza das distintas parroquias”, asegura Lago.
Dorrón recolleu case 500 quilos de produtos alimentarios que esta mesma mañá a presidenta do colectivo veciñal, Encarna Otero, e a presidenta da AC Soalleira, Mari Agís, depositaron na sede do Banco de Alimentos en Vilalonga. Ata o punto tamén se desprazou Paz Lago, que agradeceu a implicación da parroquia coa doazón de produtos alimentarios de primeira necesidade como leite, pasta, aceite, fariña…
Os colectivos organizadores do Bosque de Nadal tamén aproveitaron o tirón da súa proposta para recoller xoguetes e que ningún neno quede nestas festas do Nadal sen agasallo. A recollida pechouse onte e todos os xoguetes serán entregados a Cáritas, que os repartirá entre as familias con nenos que o precisen.
O obxectivo do programa Un chocolatiño quente? é recadar alimentos, doazóns e roupa para o Banco de Alimentos Rías Baixas e Cáritas para dar cobertura ás necesidades básicas das familias do municipio. Ambas as dúas organizacións, sen ánimo de lucro, colaboran durante todo o ano coa administración para dar cobertura ás necesidades básicas das familias do municipio.