Concello de Sanxenxo - OS REIS MAGOS SAIRÁN DE SANXENXO PARA LEVAR O OURO, O INCENSO E A MIRRA ATA O BELÉN VIVENTE DE PORTONOVO
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas

Ofrecerán unha recepción real, de 16:30 a 18:30 horas, na Carpa de Nadal situada na Praza do Mar

Sanxenxo, 2 de xaneiro de 2026.- Os Reis Magos partirán este luns, 5 de xaneiro, do porto de Sanxenxo para dirixirse a Portonovo, concretamente á zona da Curva, onde se recreará un Belén Vivente realizado pola Asociación Cultural Lembranzas. A misión de Melchor, Gaspar e Baltasar é entregar ao neno Xesús o ouro, o incenso e a mirra.

Os Reis Magos sairán en carrozas ás 18:30 horas, pero dende dúas horas antes recibirán aos nenos e ás nenas que queiran facerse unha foto co seu rei favorito e recibir unha boliña de caramelos. A Cabalgata irá precedida por unha Estrela de Nadal que portarán membros da Asociación Cultural Soalleira, á que seguirán as tres carrozas reais e tres vehículos descapotables que colaboran cos Reis para transportar os agasallos. A Comisión de Festas da Lanzada tamén colaborará na comitiva real.

O percorrido realizarase polo Paseo de Silgar, a Avenida de Galicia e Rafael Picó. A Policía Local realizará cortes de tráfico puntuais para garantir un percorrido seguro, pero abrirase por tramos a medida que pase a Cabalgata de Reis para interferir o menos posible no tráfico normal. En Portonovo, o Concello repartirá chocolate con churros para que as persoas asistentes poidan repoñer forzas.

A actividade comezará xa ao mediodía coa Danza de Reis, de 12:30 a 13:30 horas, na Carpa de Nadal, interpretada pola Asociación Cultural Soalleira.

O 6 de xaneiro celebrarase o tradicional Concerto de Reis a cargo da Banda de Música de Sanxenxo no Pazo Emilia Pardo Bazán. Será ás 19:30 horas. No marco desta actividade fallaranse os premios do Concurso Deslumbra co teu Nadal.

0
0
0
s2sdefault