Concello de Sanxenxo - O PARKING NAUTA BATE, DE NOVO, RÉCORD DE FACTURACIÓN EN 2025 CON 793.074 EUROS E 167.524 VEHÍCULOS ESTACIONADOS
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas

Un total de 4.746 persoas usuarias beneficiáronse de dúas horas gratuítas por ter o seu vehículo censado en Sanxenxo

Sanxenxo, 2 de xaneiro de 2026.- Os datos de facturación do parking público Nauta Sanxenxo pulverizaron en 2025 a mellor cifra rexistrada ata o de agora con 793.074 euros, un 5,4 % máis ca en 2024, o ano de maiores ingresos dende a súa apertura e mantendo a mesma tarifa. O crecemento deste servizo público tamén se reflicte no número de vehículos estacionados ao longo do ano, 167.524 coches, 3.775 máis ca o ano pasado.

A actividade do parking público, situado no porto deportivo de Sanxenxo, é un bo termómetro da actividade económica do municipio. Cómpre lembrar que dispón dun total de 584 prazas de estacionamento, repartidas entre a planta pública interior (206), a exterior (200) e o parking privado (178).

Ademais, veciñanza e visitantes contan con dúas horas gratuítas ao día en tempada baixa se teñen censado o vehículo no municipio. En 2025 beneficiáronse 4.746 persoas usuarias, que xeraron un total de 26.286 descontos aplicados.

No que respecta á rotación de vehículos, o mes de maior movemento foi agosto con 34.316, seguido de xullo con 26.133; setembro con 15.503; e xuño con 15.720, sendo este último mes o que experimentou a maior subida do ano respecto ao exercicio anterior. Cómpre salientar tamén meses de tempada baixa como abril con 13.372 vehículos, maio con 12.046 ou decembro con 12.412 coches.

Tamén medrou en 2025 o número de bonos, con 40.915 fronte aos 32.104 do ano pasado.

0
0
0
s2sdefault