Concello de Sanxenxo - EDUCACIÓN PRESENTA ÁS ANPAS UN PROGRAMA PARA PREVIR CONDUTAS ADICTIVAS E FOMENTAR HÁBITOS SAUDABLES
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas

Sanxenxo, 22 de abril de 2026.- A concelleira de Educación, Nati Parada, acompañada do psicólogo Óscar Páramos, reuniuse esta semana coas ANPAS dos centros educativos do municipio para presentarlles un novo programa que busca sensibilizar e concienciar a toda a comunidade educativa na importancia da prevención de condutas adictivas e o fomento de hábitos saudables. A actividade, que se divide en tres bloques, inclúese no programa “Sanxenxo Xove” dentro do convenio que o Concello de Sanxenxo asinou coa Asociación Avante.

  1. “Non pasa de moda”: Dirixido aos cursos de 5º e 6º de Primaria e 1º e 2º da ESO sobre aspectos básicos de prevención relacionados coas substancias adictivas que cada vez se normalizan máis e presentan maior aceptación social.

  2. “Medrando”: Está dirixido aos últimos cursos de secundaria e trátase de dar resposta a esas dúbidas que aparecen ao longo desta etapa vital da xuventude: prevención de ITS, violencia de xénero, substancias, habilidades sociais, autorresponsabilidade e toma de decisións, comportamentos e relacións, alternativas de ocio e continuidade de estudos.

  3. “É a túa escola, es ti”: Dentro desta actividade hai catro obradoiros formativos para abordar diferentes temas básicos para a educación e saúde do alumnado e familias. Está dirixido a cursos de Primaria, incluso tamén Infantil e familias. Nela abordaranse: límites e normas, xestión emocional, mellora das habilidades comunicativas e emocionais entre pais e fillos e acoso e mellora da convivencia.

Por outra banda, informouse de que xa está aberto o prazo para a concesión de axudas municipais, tanto na liña de conciliación como de actividades. Teñen de prazo ata o 16 de novembro para xustificar todos os gastos relacionados con ambas liñas ata o 31 de outubro.

0
0
0
s2sdefault