O concerto será o 15 de maio, ás 22 horas, na Praza do Mar
Sanxenxo, 23 de abril de 2026.- A Media Maratón Entre Rías continúa medrando na súa terceira edición cunha programación que arrinca o venres, 15 de maio, cun concerto gratuíto do Grupo Assia, ás 22 horas, na Praza do Mar. A recoñecida orquestra española orixinaria de Asturias dará o pistoletazo de saída a unha fin de semana marcada pola actividade deportiva e turística nos dous concellos polos que transcorre a proba. “Somos conscientes de que a proba é unha boa escusa para invitar aos corredores a gozar de Sanxenxo e de O Grove durante toda a fin de semana cunha programación atractiva”, explica Marcos Guisasola, concelleiro de Deportes, Voluntariado e Xuventude.
A Entre Rías Media Maratón 2026, organizada polos concellos de O Grove e Sanxenxo baixo a dirección técnica de Nokao, volverá reunir a miles de corredores nun percorrido espectacular que conecta algunhas das paisaxes máis emblemáticas da costa galega, pasando por lugares como a Illa da Toxa ou a praia da Lanzada. O evento contará con dúas modalidades: Media Maratón (21 km) e 10K.
Ademais, o sábado 16 de maio celebraranse as carreiras infantís gratuítas para nenos e nenas de 0 a 13 anos, reforzando o carácter familiar e participativo da proba. A cita xa conta con 2.500 inscritos, superando os 2.200 da edición anterior. As inscricións continúan abertas ata esgotar dorsais na web oficial: www.entreriasmediamaraton.com. A proba celebrarase o vindeiro 17 de maio entre O Grove e Sanxenxo e contará co laureado triatleta Javier Gómez Noya como padriño oficial da cita.
Dispositivo de seguridade
Por outra banda, continúase coas reunións da organización para a previsión de dispositivos e melloras de seguridade da carreira. Nesta edición, incrementaranse os metros de valado na meta para garantir a protección dos corredores e espectadores. Prevese máis de 200 efectivos implicados no control da proba.