Sanxenxo, 7 de xuño de 2026.- Hoxe domingo concluíron os primeiros traballos de asfaltado e pintado das tres primeiras rúas: Vidal Rocha, Castelao e Ramón Cabanillas. A finalización destas actuacións permitirá recuperar a circulación de vehículos por estas vías.
A próxima semana, entre o luns 8 e o venres 12 de xuño, está previsto executar a mesma actuación nas rúas Vigo, Lugo, o Camiño de Baltar e no tramo final do Paseo de Silgar, desde a rotonda de Baltar ata a rúa Vigo.
Posteriormente, entre os días 15 e 18 de xuño, realizaranse os traballos de asfaltado e pintado na recta de Baltar, entre a rotonda do mesmo nome e a que dá acceso á rúa Rafael Picó, en Portonovo, así como nun tramo da circunvalación de Sanxenxo.
Por outra banda, tamén concluíron os traballos da segunda fase da renovación do empedrado do Paseo de Silgar, entre as rúas Ourense e Rosalía de Castro. Nesta actuación colocáronse 47.000 adoquíns e 1.600 metros lineais de bordos de adoquín.