Concello de Sanxenxo - SANXENXO LEVA, POR DÉCIMO ANO CONSECUTIVO, A EDUCACIÓN AFECTIVO-SEXUAL AOS CENTROS EDUCATIVOS
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas

A actividade, organizada polo CIM e financiada pola Deputación de Pontevedra, realízase para previr a violencia machista

Sanxenxo, 29 de setembro de 2026.- Sanxenxo comeza mañá, e por décimo ano consecutivo, a educación afectivo-sexual nos centros educativos do municipio. A actividade, O bo trato. Unha acción educativa contra a violencia de xénero, está organizada polo CIM e financiada pola Deputación de Pontevedra.

A acción educativa, deseñada para combater a violencia de xénero desde as aulas e o ámbito familiar, está dirixida ao alumnado de 6º de Primaria e 2º da ESO. A través dun enfoque dinámico e participativo, o proxecto busca dotar a mocidade e as súas familias de ferramentas clave para construír relacións baseadas no respecto, na igualdade e nos bos tratos.

O programa escolar estrutúrase en tres eixes principais orientados a romper mitos e fomentar a corresponsabilidade afectivo-sexual:

• Querer bonito: Unha primeira toma de contacto para debater sobre as relacións afectivas e sexuais desde unha perspectiva positiva. Nesta sesión activarase unha caixa de correo física e virtual para que o alumnado envíe de forma totalmente anónima as súas dúbidas sobre sexualidade.

• Querer igual: Sesión centrada en identificar e rexeitar as posicións de dominación e submisión, visibilizando aquelas violencias ocultas que a miúdo pasan desapercibidas. Durante esta xornada repartirase o díptico informativo “Aprendendo a querernos ben” e comezarase a dar resposta ás preguntas da caixa de correo.

• Querer distinto: Un obradoiro dedicado a desmontar a estandarización comercial dos corpos para promover a aceptación da diversidade física real. Ademais, incidirase na corresponsabilidade para previr infeccións de transmisión xenital, embarazos non planificados e condutas violentas, pechando o consultorio anónimo.

Implicación das familias

Conscientes de que a educación comeza no fogar, O bo trato inclúe unha sesión especial de dúas horas dirixida ás familias da comunidade educativa de Sanxenxo. Neste espazo, os pais, nais e titores poderán compartir os seus medos e consultas, coñecerán de primeira man as conclusións extraídas dos obradoiros coa mocidade e recibirán pautas clave para educar en igualdade e na prevención da violencia de xénero desde o ámbito afectivo-sexual.

0
0
0
s2sdefault