Concello de Sanxenxo - O CONCELLO REALIZA A ROZA E LIMPEZA DE MÁIS DE 60 QUILÓMETROS DE PISTAS FORESTAIS EN NOALLA, DORRÓN, NANTES E PADRIÑÁN
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas

En outubro retomarase a repartición de 1.500 árbores gratuítas para repoboar as parcelas situadas en faixas secundarias

Sanxenxo, 1 de outubro de 2026.- Sanxenxo rozará e limpará máis de 60 quilómetros de pistas forestais nas distintas parroquias do municipio. O convenio subscrito entre o Concello de Sanxenxo, a Consellería do Medio Rural e Seaga posibilitou a dotación de maquinaria para o acondicionamento de camiños co obxectivo de levar a cabo a xestión da biomasa, reducindo o risco de incendios e mellorando os accesos aos terreos forestais.

A través da Concellería de Medio Ambiente, Mantemento e Servizos, dirixida por Yago Torres, comezouse hai semanas a traballar cunha retroescavadora con pinza de corte e trituradora de martelos en Dorrón, en Barreiro e Freixeiro, e continuarase en Nantes e Padriñán. Tamén se acondicionaron pistas no Monte Faro, en Noalla.

O convenio tamén inclúe a repartición de 3.000 árbores compatibles coa faixa secundaria. Unha primeira remesa de 1.500 exemplares entregouse o pasado mes de marzo e agora está previsto repartir outros tantos durante o mes de outubro entre os veciños e veciñas que os solicitaron.

Entre as especies distribuídas figuran cerdeiras, carballos, castiñeiros e nogueiras, todas elas propias do ecosistema galego. O programa establece que cada veciño reciba unha árbore por cada sete metros cadrados de terreo, ata esgotar existencias, coa obriga de plantalas nas súas parcelas para cumprir a normativa vixente de xestión da biomasa.

Pola súa banda, Seaga encárgase de realizar a inspección das faixas secundarias para detectar parcelas nas que non se xestiona a biomasa, notificar aos propietarios os incumprimentos, conceder un prazo e comprobar posteriormente que o requirimento foi cumprido.

Ademais, a través doutro convenio coa Consellería do Medio Rural, dotouse o Concello de Sanxenxo dunha motobomba para a loita contra os incendios forestais e complementáronse as tarefas de limpeza e xestión do combustible vexetal con tratamentos preventivos mecanizados como labores de prevención.

0
0
0
s2sdefault