Concello de Sanxenxo - A XUNTA INVESTIRÁ 970.000 EUROS NAS OBRAS DE MELLORA DA SEGURIDADE VIARIA NA ESTRADA PO-504 ENTRE SANXENXO E VILALONGA
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Noticias

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe o decreto expropiatorio nesta actuación no municipio de Sanxenxo para intervir en 2 km da vía autonómica e eliminar un treito de concentración de accidentes 

A XUNTA INVESTIRÁ 970.000 EUROS NAS OBRAS DE MELLORA DA SEGURIDADE VIARIA NA ESTRADA PO-504 ENTRE SANXENXO E VILALONGA 

― Renovaranse cinco interseccións no treito da PO-504 que transcorre entre o lugar do Vinquiño e o inicio da parroquia de San Tomé de Gondar, coa construción dunha glorieta no cruce co Camiño ao Santo 

― A Consellería de Infraestruturas prevé licitar as obras neste primeiro trimestre de 2022 e avanzar nas expropiacións, co obxectivo de iniciar os traballos a finais do verán 

― Habilitaranse cuñas de cambio de velocidade nas interseccións con outros viarios e incluiranse melloras nos pasos de peóns e nas paradas de autobús 

― Esta actuación complementarase con outra que prevé desenvolver o Goberno galego no mesmo ámbito, renovando as beirarrúas para mellorar a seguridade dos peóns 

― A estratexia da Xunta para eliminar os treitos de concentración de accidentes das vías autonómicas contribuíu a reducir en case un 60% a sinistralidade deses puntos 

 

A Xunta investirá 970.000 euros nas obras de mellora da seguridade viaria na estrada de titularidade autonómica PO-504 entre Sanxenxo e Vilalonga. O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe o decreto polo que se declara a utilidade pública e se dispón a urxente ocupación dos bens e dereitos necesarios para actuar ao longo de 2 quilómetros desta vía autonómica co fin de eliminar un treito de concentración de accidentes. 

No seguinte enlace ao DOG pode consultarse toda a información: https://bit.ly/3LRCtNR 

O Consello da Xunta autorizou o pasado día 10 de febreiro as expropiacións necesarias para desenvolver a intervención deseñada pola Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, que prevé a renovación de cinco interseccións na PO-504, entre os puntos quilométricos 0+940, no lugar do Vinquiño, e o 3+000, ao inicio da parroquia de San Tomé de Gondar. 

A Xunta licitará a as obras neste primeiro trimestre de 2022 e avanzará na expropiación dos terreos para poder iniciar os traballos a finais do verán. A actuación conta cun prazo de execución de doce meses. 

Entre as principais intervencións a executar inclúese a construción dunha glorieta na intersección co Camiño ao Santo, que ademais de ordenar os propios movementos das vías coas que entronca, permitirá o cambio de sentido dos vehículos.

Como resultado das achegas recibidas durante o proceso de información pública, acordouse eliminar a actuación proposta inicialmente dunha nova glorieta no punto quilométrico 2+270. 

A actuación prevé, tamén, a execución de novas beirarrúas nos treitos de mellora das interseccións, a adecuación da drenaxe existente ao novo deseño e a reposición dos servizos e sumidoiros afectados. Tamén se mellorarán as paradas de autobús e redeseñarase a sinalización horizontal e vertical de todo o treito. 

En paralelo a esta obra, a Xunta prevé executar unha mellora das beirarrúas no mesmo ámbito de actuación, de modo que a esta mellora da seguridade viaria se lle sume tamén unha mellora da accesibilidade peonil, cun investimento adicional de case 200.000 €. 

A estratexia do departamento que dirixe Ethel Vázquez para eliminar os treitos de concentración de accidentes das vías autonómicas contribuíu a reducir en case un 60% a sinistralidade deses puntos. 

Gabinete de Comunicación da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade 

0
0
0
s2sdefault