Concello de Sanxenxo - A feira artesanal de Portonovo ampliará a súa duración a tres meses, do 15 de xuño o 15 de setembro
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas

Esta mañá reuniuse o Consello de Ínsula para aprobar o prego de condicións do concurso público da feira artesanal. Este ano o goberno tivo máis tempo,o que permitiu facer un prego máis acorde co modelo da feira que require un destino turístico de importancia e calidade de Sanxenxo.

Entre as novidades destaca a ampliación da duración da feira ata os tres meses, dende o 15 de xuño ao 15 de setembro. Neste sentido cabe recordar que a feira contribúe a dinamizar a actividade turística e comercial da vila de Portonovo polo que é importante que xa estea aberta durante a segunda quincena de xuño.

O ano pasado retrasouse uns días sobre o previsto porque cando o goberno tomou posesión, o 1 de xuño, encontrouse que non había nada preparado, nin sequera o permiso de Costas, que se solicitou o 5 de xuño.

Outra novidade importante é que o novo prego de condicións valora máis a calidade e a mellora da estética das casetas e de toda a infraestrutura que rodea a feira. De maneira que as empresas que aspiren a encargarse da montaxe e o mantemento, terán que facer unha oferta de maior calidade, tanto da estrutura como da estética das casetas.

A caseta estándar terá un prezo de 4.500€ polos tres meses. Como en anos anteriores resérvanse 10 casetas para os artesáns, que terán un prezo reducido de 1.750€. A empresa que finalmente resulte elixida no concurso público terá que abonar un canon de 120.000€ ao Concello e cubrir tódolos gastos de montaxe, mantemento e seguridade.

O diñeiro que ingresará o Concello destinarase a pagar as festas e os eventos de Portonovo, especialmente as festas de San Roque, que se celebran en agosto.

O goberno espera que cos cambios introducidos, a feira dea este ano un salto de calidade e emprenda unha dirección que nos permita contemplar eventos similares en outras épocas do ano e en outros lugares do Concello. Un exemplo foi a feira que se puxo en marcha a pasada Semana Santa no Porto Deportivo de Sanxenxo, que pese á difícil climatoloxía foi unha experiencia moi positiva. O que ninguén pode dubidar é que as feiras de este tipo permiten potenciar a actividade comercial e hostaleira dun concello.

0
0
0
s2sdefault