Concello de Sanxenxo - O goberno adxudicará as obras de construción do novo edificio sociocultural de Vilalonga antes de final de ano
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas

Despois de moitos anos de espera, por fin os veciños de Vilalonga verán feita realidade a súa demanda histórica de contar cun edificio sociocultural amplo, de dúas plantas, que inclúe, entre outros equipamentos, un auditorio de máis de cento cincuenta butacas.

Para poder financiar a construción do novo edificio, o goberno levará á comisión de Contas e despois ao Pleno do próximo día 30 unha proposta para destinar 900.000€ do remanente de tesourería para este fin. O resto, ata completar os 1.555.577€ nos que está valorado o novo edificio, financiaranse con cargo ao orzamento de 2019.

A tramitación da asignación do remanente de tesourería é longa, pero, en calquera caso, o goberno traballa coa idea de que as obras se liciten e adxudiquen antes de que finalice o ano.

A construción deste edificio interrompeuse en 2008 cando estaba feita a cimentación e unha parte da estrutura, nas que se investiron preto de 300.000€.

A parcela na que está situado, en Ou Revel, ten unha extensión de máis de 2.500 m2 e conta cos servizos de rede de abastecemento de auga e saneamento, enerxía eléctrica e a zona dispón de beirarrúas e iluminación público.

Nestes momentos o goberno dispón dun proxecto, que xa se contou anteriormente, no que o novo edificio tería unha superficie de 1.500 m2, distribuídos en 2 plantas de 870 m2 e 633 m2.

A planta baixa, que é a máis ampla inclúe un hall, un auditorio de 156 butacas con escenario e 3 vestiarios, unha cafetería, aseos xerais, unha oficina de información, arquivo, gardarroupa e un local de limpeza.

A primeira planta, que terá o seu propio acceso independente a través do soportal, inclúe un hall distribuidor, unha ampla biblioteca, 3 aulas de formación, 3 despachos e uns aseos.

O proxecto inclúe a creación dun aparcadoiro de 20 prazas dentro da parcela de 2.500 m2. O orzamento de execución das obras ascende a 1.555.577€ e ten un período de execución de 12 meses.

A pesar de existir este proxecto, o goberno fará unha reunión coas diferentes asociacións e colectivos de Vilalonga para presentar con detalle a construción e recoller as súas opinións e inquietudes respecto diso.

 

0
0
0
s2sdefault