Concello de Sanxenxo - Sanxenxo en igualdade chegará aos centros educativos do Concello o próximo curso
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas

A adopción de medidas reais e efectivas para o fomento da igualdade de oportunidades entre mulleres e homes na sociedade e a loita contra a violencia de xénero é unha das tarefas principais do goberno de Sanxenxo e especialmente, da concellería de Servizos Sociais e Igualdade.

É por iso que, considerando que a principal forma de erradicar a violencia de xénero é a prevención, redactouse un proxecto desde o Centro de Información á Muller que establece unha serie de actuacións dirixidas á sensibilización que se establecen como fundamentais e necesarias. Debendo comezar na infancia e a adolescencia, transmitindo valores que cuestionen os mitos sexistas e acheguen novas formas de crecer en igualdade. Todo para construír unha sociedade máis xusta e equilibrada.

En base a isto, este proxecto poñerase en marcha nos centros educativos do municipio e, abarcando diversas franxas de idade, a través de propostas adecuadas a cada unha das etapas.

En educación infantil, un conta contos a partir dos 4 anos, abordará unha tradición oral certamente sexista para ir desmontando mitos e estereotipos, de forma lúdica, a través do conto, que cumpre un papel educativo, social e cultural no desenvolvemento dos nenos e nenas.

En educación primaria, adquirirase novo material educativo para o proxecto municipal da Mochila da Igualdade. Un proxecto dirixido ao alumnado dos centros educativos municipais que estean a cursar 1º de Educación Primaria, no que cada neno e nena leva a mochila de con os contidos seleccionadas á súa casa, por un tempo limitado, no cal coas súas familias poderán traballar unha serie de contidos marcados. Despois disto, cada familia pode reflectir a súa experiencia nun Diario común.

6º de Educación Primaria, traballará a coeducación e a sensibilidade na igualdade de xénero, os factores que inflúen na aprendizaxe, así como o papel que para a infancia xogan os adultos, as películas, a música, como modelos de adquisición de valores.

Os nenos e nenas de ESO, 2º, 3º e 4º, elaborarán unha serie de guións co obxectivo de gravar un curto que será presentado publicamente.

En Bacharelato, uns relatorios interactivos traballarán na prevención da violencia con temas como a influencia dos estereotipos de xénero nas relacións persoais, os celos, o control, malos tratos, as redes sociais e o seu uso, etc.

Un taller de novas masculinidades estará dirixido aos adolescentes de formación profesional, para proporcionar un achegamento á igualdade de oportunidades, analizar os procesos de socialización entre outras cousas.

E, por último, un obradoiro de autoestima e empoderamento feminino, para mulleres reflexionando sobre aspectos como a autoestima, a autoimaxe e o autoconcepto.

Sanxenxo en igualdade ten un custo de 7.000€, dos cales 6.000€ serán financiados a través dunha subvención da Deputación de Pontevedra, para o fomento da igualdade de oportunidades e a prevención da violencia de xénero.

 

0
0
0
s2sdefault