Concello de Sanxenxo - Campaña de prevención de afogamentos na praia de Baltar
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas

Durante a xornada de hoxe, tivo lugar na praia de Baltar unha campaña de prevención de afogamentos, impartida pola ADEAC Bandeira Azul e técnicos especializados en socorrismo de Fundación MAPFRE.

Neste areal instaláronse dúas capas nas que se desenvolveron diferentes actividades. Na primeira delas, Carpa 1, transmitíronse consellos básicos de prevención de afogamentos a nenos. Aquí os máis pequenos puideron debuxar un consello de prevención nunha camiseta.

Na Carpa 2, impartíronse nocións básicas de actuación para facer RCP e entregouse material informativo sobre esta técnica.

Ás 14.00 h. xa pasaran polas carpas máis de 400 persoas e as xornadas estendéronse ata as 20.00 h.

O obxectivo destas campañas é trasladar á sociedade as principais pautas de prevención para evitar accidentes na contorna acuática e, no caso de que se produzan, ensinarlles os mecanismos esenciais para actuar ante unha situación de emerxencia.

 

 

Máis de 500 falecidos

Entrar na auga sen ter en conta as indicacións do socorrista, non respectar a sinalización, sobreestimar a capacidade como nadador e descoñecer o medio no queremos darnos un baño, son algunhas das causas máis frecuentes á hora de sufrir un afogamento, situación que en España acabou coa vida de 542 persoas en 2017, un 25% máis con respecto ao ano anterior, segundo unha estimación da Asociación Española de Técnicos de Salvamento e Socorrismo, que destaca que os afogamentos afectan principalmente as persoas maiores de 60 anos (case o 50 por cento).

Entre 2016 e 2017, os equipos de socorrismo realizaron máis de 201.000 intervencións de primeiros auxilios nas 579 praias con Bandeira Azul, nas que se produciron 147 resucitacións cardiopulmonares ( RCP) que permitiron salvar a vida a 86 persoas en 2017, o que implica unha porcentaxe de éxito en RCP próximo ao 60%. Así o indica o último informe realizado por Fundación MAPFRE e Bandeira Azul sobre afogamentos en España, que fai fincapé nos máis de 13.700 rescates realizados entre 2016 e 2017, dos cales 3.000 foron de carácter arriscado, é dicir, que non interviñesen os servizos de socorrismo, a persoa que sufriu o afogamento falecese.

 

 

0
0
0
s2sdefault