Concello de Sanxenxo - Valoración moi positiva dos programas desenvolvidos desde +Xuventude, Máis Concello
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas

A concellería de Educación, Cultura e Xuventude, valora moi positivamente, tanto a participación de máis de 30 mozos (entre 12 e 20 anos) das distintas parroquias do municipio nos cursos realizados no mes de xullo, como do desenvolvemento e das valoracións feitas polo participantes respecto dos formadores e os contidos dos cursos.

Os obxectivos principais destes cursos foron os de adquirir coñecementos sobre diferentes áreas ou temas de forma participativa e divertida, coñecer a outros mozos das distintas parroquias e que o traballo por equipos propiciara a participación de todos ou parte maioritaria deles noutras actividades e iniciativas como os grupos de acción. Os tres obxectivos foron conseguidos.

Nestes cursos aprenderon a ser Axentes de Cambio Social, formándose en valores, plans de acción, como facer campañas de sensibilización e, sobre todo, a traballar en equipo de forma divertida e produtiva. Cabe resaltar que os mozos que participaron nese curso decidiron seguir como equipo de traballo durante os próximos meses para continuar a formación e levar a cabo campañas de sensibilización, por exemplo, en contra do abandono de animais e outras relacionadas coas persoas e o medio ambiente.

No Curso de Caixón de Recursos para os estudos e a vida aprenderon a descubrir os nosos talentos, a desenvolver as distintas intelixencias que temos, as crenzas, a confianza; a mellorar a comunicación e a definir e alcanzar os obxectivos ou metas que nos propoñamos. Foi un curso moi enriquecedor a nivel persoal e grupal.

No curso de Voluntariado Xuvenil, traballamos conceptos craves, valores, habilidades, contextos de intervención, as distintas poboacións, a rede asociativa e os servizos da administración local do noso Concello para ser voluntarios xuvenís. Tamén tiveron a visita de María José, responsable do Programa de Voluntariado Municipal, dependente da Concellería de Servizos Sociais e Igualdade, que compartiu a súa experiencia e coñecementos. Os mozos/as que participaron neste curso continuarán formándose e participando no programa de Voluntariado do concello.

 

 

MES DE AGOSTO

No mes de agosto empezarán as Kedadas para realizar distintas actividades con mozas que están interesados na Natureza, como rutas por distintos lugares de Sanxenxo, encontros de mozos lectores e outros que lles gusta a escritura, grupos de Gamers (mozos que lles gustan os videoxogos), etc.

Tamén se poñerá en marcha o Laboratorio de ideas para poidan trasladar ideas e proxectos que lles gustaría que fosen unha realidade para valorar a súa viabilidade e buscar a forma de levalas a cabo.

O grupo de Acción Social (Axentes de cambio Social) empezará a súa andaina nos próximos días para planificar accións e campañas de sensibilización.

Neste mes de agosto, os días 22,23 e 24, realizaremos o curso de fotografía, e queremos lembrar que o vindeiro domingo 12 están convidados a asistir ao concerto da xira 40 Principais nas inmediacións da Piscina Municipal.

 

 

0
0
0
s2sdefault