Concello de Sanxenxo - Comunicado do Goberno de Sanxenxo
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas

A “asociación halamos español” solicitou permiso para montar unha mesa de recollida de firmas o sábado 28 de xullo. Concedéuselle o permiso porque é un dereito que asiste a esta e a calquera outra asociación que cumpra os requisitos legais.

Durante a recollida de firmas producíronse incidentes e altercados que requiriron a intervención da policía local e a garda civil e que os medios de comunicación recolleron puntualmente ao día seguinte.

A “asociación halamos español” volveu a pedir autorización para o hoxe e para o día 26 de agosto. O Concello, a través do xefe da policía local, desaconsellou a autorización, aínda que finalmente a Subdelegación de Goberno, que é o órgano competente autorizouna. Os incidentes ocorridos na anterior ocasión e que a data solicitada coincida en plenas festas patronais recomendaba, desde o punto de vista do goberno de Sanxenxo, non autorizar a solicitude presentada.

Ademais, é evidente que esta asociación quere utilizar o escaparte de Sanxenxo, como principal destino turístico de Galicia nestas datas, para que os seus actos adquiran a repercusión mediática que non terían doutra forma.

É un dereito constitucional de calquera asociación legal o manifestarse e recoller firmas a favor do que consideren oportuno. Pero non é menos certo que, neste caso, intúense segundas intencións, menos plausibles e democráticas, que as que se argumentan na solicitude do permiso. A verdadeira intención desta asociación non é recoller firmas, senón crear polémica para lograr maior repercusión mediática para o seu colectivo e o seu principal dirixente.

Se a súa única intención fose recoller firmas utilizarían outros medios tecnolóxicos, bastantes máis eficaces e que son aos que habitualmente están a utilizar as asociacións que promoven iniciativas similares.

Coa mesma contundencia que rexeitamos a utilización de Sanxenxo para intencións espurias, o goberno oponse a calquera intento de aproveitar o acto autorizado pola Subdelegación para buscar polémicas e enfrontamentos por parte de colectivos de signo ideolóxico contrario.

Os polos opostos adoitan coincidir no interese de alterar e prexudicar a boa convivencia entre a maior parte da sociedade, que actúa con bastante máis sentido común e fai uso da súa liberdade de falar en galego e en castelán cando e como queira. A gran maioría da sociedade non comparte as formulacións radicais, nin duns, nin doutros e, por tanto, rexeita calquera utilización maniquea dos dereitos constitucionais e democráticos.

O goberno de Sanxenxo respecta, porque é a nosa obrigación, a autorización da Subdelegación do goberno para hoxe e para o domingo día 26 de agosto, a partir das sete da tarde. Para que non se repitan os incidentes da vez anterior e, por tanto, non favorecer cunha nova polémica os intereses da asociación solicitante pedimos aos veciños e, especialmente aos concelleiros da Corporación, que eviten participar en calquera confrontación que contribúa a manchar o bo nome de Sanxenxo.

 

 

0
0
0
s2sdefault