Concello de Sanxenxo - Sanxenxo investirá 19.500€ en mellorar os accesos de Areas Gordas e A Lapa para a preservación das zonas dunares.
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas

Esta mañá iniciáronse as obras de mellora dos accesos ás praias de Areas Gordas e A Lapa encamiñadas á preservación, recuperación e mellora dos espazos incluídos na Rede Natura 2000.

A Consellería de Medio Ambiente sacou unha liña de axudas que serán repartidas entre seis concellos da zona do Salnés. Estas axudas inscríbense no Plan de Desenvolvemento Rural, que recolle entre as súas liñas básicas de actuación, conservar e revalorizar o patrimonio natural de Galicia.

Un total de 19.500€, repartidos en dúas anualidades, serán investidos nas praias de Areas Gordas e A Lapa. E a actuación consistirá na colocación dunha pasarela, unha escaleira e unha varanda de madeira para acceder a estes areais. Ademais, habilitarase unha zona de paso de tráfico lixeiro, con xabre, de 3 metros de ancho.

O motivo polo que se redactou este proxecto é por ser esta unha zona dunar onde se aprecian dunas móbiles embrionarias, dunas brancas e dunas grises. O lugar é utilizado como acceso a estas dúas praias, o que fai que, especialmente durante a tempada estival, sufra unha gran presión, polo continuo piso, favorecendo á extensión das dunas e a interrupción da erosión provocada polo vento.

É por iso, que, con este proxecto, búscase mellorar a conservación deste espazo natural protexido dentro do complexo intermareal Umia- O Grove. Ademais, é un lugar denominado de Importancia Comunitaria, con zona de especial protección dos Valores Naturais, Zona Húmida Protexida, Zona de Especial Protección para Aves e Zona Ramsar.

Para poder executar esta actuación foi necesario solicitar autorizacións sectoriais a: 

 

  • A Consellería de Medio Ambiente, pola zona Ramsar.

  • Servizo Provincial de Costas da Xunta de Galicia e de Costas do Estado por estar en zona de protección de costas e dominio público.

  • Da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, pola proximidade dos xacementos da contorna da Lanzada.

  • Do Instituto de Estudos do Territorio, pola zona de protección costeira, rede de espazos naturais e espazos de interese.

  • E da Axencia Galega de Infraestruturas pola proximidade á PO-308.

 

 

0
0
0
s2sdefault